O proxecto europeo S-TEAM celebra en Santiago a súa terceira conferencia xeral
A USC é unha das 25 institucións que participan no proxecto Science-Teacher Education Avanced Methodos (S-TEAM), iniciativa financiada pola UE dentro do seu 7º Programa Marco e que entre o xoves 23 e o sábado 25 celebrará en Santiago a súa derradeira conferencia xeral baixo o lema ‘ Ollando cara o futuro’. A USC, a través da profesora María Pilar Jiménez Aleixandre, é a única institución española implicada nun proxecto no que participan institucións de quince países europeos que traballan na mellora do ensino das ciencias e a formación do profesorado nesta área. A sesión inaugural da ‘S-TEAM 2012 Conference’ comezará ás 9.00 horas no Hotel NH Obradoiro de Santiago coa asistencia do decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás, e da profesora e representante da USC no proxecto, María Pilar Jiménez Aleixandre. Deseguido comezará o programa académico cun obradoiro de carácter plenario que completará a sesión matinal. Este encontro é o terceiro e último dun proxecto europeo de tres anos de duración que comezou en 2009 coa intención de visibilizar as innovacións que se producen no eido do ensino das ciencias para a súa difusión aos docentes de aula así como aos formadores do profesorado. Para conseguilo, os integrantes desta iniciativa de alcance europeo traballaron na produción de recursos e no establecemento de redes de profesores que favorecesen o intercambio de experiencias. Concretamente, a profesora Jiménez Aleixandre coordinaba o grupo de traballo correspondente a ‘ Argumentación e comunicación’, coordinando ao mesmo tempo múltiples iniciativas formativas de alcance estatal ao longo destes últimos tres anos. A finalidade do seu traballo foi achegar recursos e estratexias de apoio ao profesorado para crear ambientes que favorecesen a argumentación e a aprendizaxe de prácticas discursivas en Ciencias.