Ir o contido principal

O proxecto granxafamiliar.com protagonista dun dos episodios da serie documenta de TVE +DEspaña

O proxecto granxafamiliar.com será un dos protagonistas o vindeiro mes de setembro dun programa que TVE vai emitir dentro da serie documental +DEspaña, na que se volve a vista sobre proxectos innovadores que apostan pola inversión e o esforzo en I+D+i. ‘Galicia II, terra de emprendedores’ é título do segundo dos episodios dedicados a Galicia no que se presentarán as particularidades e achegas Do proxecto da USC granxafamiliar.com, dentro da sección ‘Vangarda no medio rural’. Nesta peza mostraranse iniciativas que teñan como obxectivo modernizar, potenciar e dar valor aos sectores agrícolas e pesqueiros. Gravada no último semestre de 2009 e integrada por 32 capítulos dunha hora de duración, a serie documental comezou a emitirse en marzo de 2010 nos canais internacionais de TVE, para a súa difusión en Europa e América, e dende xullo se emite á súa vez en La2, os sábado ás 20:00 horas. A data prevista para a emisión de ‘Galicia II, terra de emprendedores’ é o 4 de setembro. O proxecto Granxafamiliar.com, xurdido na USC baixo o lema ‘O comercio máis xusto para Galicia’ , impulsa as transaccións comerciais e a compra-venda da produción tradicional de autoconsumo familiar existente no medio rural galego.

O Grupo de Investigación GIS-T Idega da USC, no marco do proxecto SINDUR, comezou a traballar en 2007 neste sistema de xestión de información para impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural no medio rural galego e, de forma experimental, nos Concellos de Brión e Antas de Ulla, entre os socios da Cooperativa Feiraco e a través de granxas emprendedoras asociadas ao proxecto ‘ Ferrados’ de Cáritas Diocesana de Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.07.2010.