O proxecto internacional KidsInnScience considera “urxente” involucrar os escolares na ciencia

A de Santiago foi a única universidade española que participou no proxecto internacional ‘ KidsInnScience (KIS): Turning kids on to science’ financiado pola Comisión Europea para promover enfoques innovadores para a ensinanza e aprendizaxe da ciencia e da tecnoloxía en diferentes niveis educativos. Con España están no proxecto sete países europeos máis e dous de América Latina, que estes días presentaron os resultados definitivos en Viena. Os grupos participantes na investigación consideran fundamental a educación en ciencia e tecnoloxía, que contribúe notablemente a asegurar e mellorar a calidade de vida e do medio e a manter a competitividade nunha economía cada vez máis globalizada. Baixo esa premisa, KIS pretendía probar actividades con esas características para a súa implementación en escolas regulares. A idea da que partía o proxecto é que as innovacións en ciencia e tecnoloxía funcionan eficientemente de cumprirse os criterios de calidade acordados e de adaptarse ao propio contorno de cada país. De feito, demostrouse que de todas as experiencias postas en marcha arredor de 30 se intercambiaron con éxito entre os países socios de proxecto, traspasando en moitos casos as fortes barreiras culturais. Búscase así facilitar ao sistema educativo unha actuación máis creativa no sistema e á vez camiñar cara a un método de aprendizaxe máis activo de maneira que se mellore o rendemento escolar e aumente o interese da xuventude na ciencia e tecnoloxía. O equipo recomenda sete estratexias xerais que favorecerán o cambio nos centros de ensino primario e secundario: creación de comunidades de aprendizaxe profesional, inclusión das cuestións de xénero e diversidade, formación ad hoc do profesorado, posta en común das prácticas, forte apoio aos centros de ensino, flexibilidade e liberdade de ensinanza, e contexto auténtico da educación científica baseado en situacións cotiás. Traballo de campo No proxecto participaron nos anos escolares 2010-11 e 2011-12 un total de 4.105 estudantes de infantil, primaria e secundaria titorizados por 186 docentes de 98 escolas de 10 países, que puxeron en marcha prácticas innovadoras de ciencia e tecnoloxía integradas regularmente na ensinanza. As responsables estatais son as profesoras María Pilar Jiménez Aleixandre e Isabel García-Rodeja, do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais e da Matemática, que coordinaron actividades non só en centros educativos galegos senón tamén de Zamora e Ciudad Real. Entre as prácticas innovadoras levadas a cabo en Galicia destacan ‘ As patacas poden medrar no aire’ posta en marcha en seis aulas de educación infantil polo grupo TORQUE e ‘ Raios X, unha combinación de física, bioloxía humana e medicina’ en dúas aulas de educación secundaria obrigatoria. KidsInnScience elaborou finalmente un repertorio de 80 prácticas innovadoras para todos os niveles escolares con estratexias que poden servir de apoio para garantir o seu éxito no ensino das ciencias.