O proxecto de investigación para a protección e conservación da biodiversidade na Eurorrexión presentou en Portugal os seus primeiros resultados
Máis de cen persoas reuníronse esta fin de semana en Ponte de Lima (Portugal) no Workshop Ibérico ‘Sistemas de información e a protección e conservación da biodiversidade na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal’ para presentar as ferramentas, obxectivos e primeiros resultados do proxecto ‘Biodiversidade Vexetal Ameazada Galicia-Norte de Portugal: coñecer, xestionar e implicar’ (BIODIV-GNP). Alí explicaron como coa monitorización de hábitats e da biodiversidade, a xestión da información sobre especies, os sistemas de información no contexto do proxecto e, como marco común, a cooperación e a investigación conxunta entre Galicia e o Norte de Portugal se acadarán mellores estratexias de xestión das nosas zonas e especies ameazadas. O proxecto BIODIV-GNP, cun investimento de 654,684.57 euros e cofinanciamento do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007 -2013 a través dos fondos FEDER da Unión Europea, ten como obxectivo recompilar, administrar e difundir información sobre a distribución e as principais necesidades de conservación da flora ameazada do noroeste peninsular. Xunto coa USC, no proxecto participan ademais a Universidade de Porto, a Fundación CEER, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e a Fundaçao Fernão Magalhães para o Desenvolvimento.