Ir o contido principal

O Proxecto LIFE+ AQUAENVEC presentou na USC unha ferramenta web que permite aos concellos optimizar o ciclo da auga

O Proxecto LIFE+ AQUAENVEC presentou na USC unha ferramenta web que permite aos concellos optimizar o ciclo da auga
O Proxecto LIFE+ AQUAENVEC presentou na USC unha ferramenta web que permite aos concellos optimizar o ciclo da auga

O proxecto LIFE+ AQUAENVEC que estuda a eco eficiencia do ciclo urbano da auga relacionando o impacto ambiental e o económico presentou este xoves no Centro de Estudos Avanzados os seus principais resultados, entre os que destaca unha ferramenta web de axuda á toma de decisións tanto para planificadores como para xestores destas actividades. O proxecto coordínao a Fundación CETaqua do Grupo AGBAR (Barcelona) coa participación de 30 investigadores e técnicos da USC, as Autónomas de Barcelona e Valencia, Viaqua e Sorea. A web resultante axuda a tomar decisións para mellorar a relación entre o impacto ambiental e o custe das actividades do ciclo urbano da auga. Para elaborala calculáronse os principais impactos ambientais (cambio climático, eutrofización, destrución de capa de ozono e demanda enerxética) e os custes asociados a cada unha das etapas do ciclo de vida da auga. O conxunto destes indicadores permite determinar a ecoeficiencia segundo a metodoloxía ISO 14045. LIFE+ AQUANVEC desenvolveuse en diferentes cidades pequenas e medianas de Galicia e Cataluña, sendo Betanzos e Calafell os casos de estudo referentes. A selección destas cidades da rexión Mediterránea e Atlántica permitiu comparar zonas con diferenzas climáticas, de cantidade e calidade dos recursos hídricos e do uso da auga. Eco eficiencia do ciclo urbano LIFE ‘Assessment and improvement of the urban water cycle eco-efficiency using LCA and LCC’ (AQUAENVEC) céntrase no estudo tecnolóxico, económico e ambiental do ciclo da auga urbana; en concreto das fases de captación, potabilización, redes de sumidoiro, tratamento e vertedura. O obxectivo final do proxecto, cun financiamento de millón e medio de euros, era dotar aos concellos dunha ferramenta multicriterio que lles permita optimizar o ciclo da auga na procura da sustentabilidade. O proxecto deu lugar á publicación de diversos artigos científicos en revistas incluidas no JCR como o Environmental Impact Assessment Review, Journal of Cleaner Production, Science of Total Environment e Water Research. Asemade, este proxecto transferiu coñecemento ao sector produtivo, de forma especial aos Concellos de Betanzos e Calafell, que obtiveron a certificación ISO 14045 para o seus ciclos urbanos da auga, sendo o primeiros certificados emitidos en España por AENOR para esta norma internacional. Na sesión deste xoves no CEA participaron máis de 50 persoas relacionadas co sector da auga, dende especialistas da Administración, confederacións, empresas xestoras da potabilización e depuración ata centros tecnolóxicos e investigadores das tres universidades galegas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2015.