Ir o contido principal

O proxecto Mentoring Inclusivo da USC suma o apoio da Obra Social ‘la Caixa’

No centro, Juan Viaño e Marc Arthur Benhamou, acompañados do xerente da USC e directivos de la Caixa.
No centro, Juan Viaño e Marc Arthur Benhamou, acompañados do xerente da USC e directivos de la Caixa.
Mentoring Inclusivo deseñouse para poñer en contacto estudantado que teñan acreditada a súa condición de discapacidade con directivos e profesionais que poidan orientalos e apoialos na busca de...

O proxecto Mentoring Inclusivo deseñouse para poñer en contacto estudantado de máster e último ano de grao que teñan acreditada a súa condición de discapacidade con directivos de empresa e profesionais co fin de que poidan orientalos e apoialos na busca de emprego e no desenvolvemento da súa carreira profesional. A convocatoria comezou este curso coa participación de catro alumnos dos graos de Lingua e literatura españolas, Filosofía e Xornalismo e do Máster de Profesorado.

Para o desenvolvemento desta iniciativa, a USC conta coa colaboración de Obra Social 'la Caixa' que achega 30.000 euros para o desenvolvemento deste programa ao longo de todo o curso académico. O reitor Juan Viaño e o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Arthur Benhamou, mantiveron unha xuntanza para coñecer o grao de desenvolvemento desta liña de colaboración.

Aos primeiros alumnos e alumnas que manifestaron a súa vontade de participar nesta primeira edición, o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC púxoos en contacto con empresas do grupo de economía social da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). O obxectivo é ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de contar cos xestores deste grupo empresarial en calidade de asesores.

Na actualidade os responsables deste grupo empresarial están configurando as parellas de mentores en función dos perfís dos alumnos participantes. Ademais, esta semana seguirase avanzando no desenvolvemento deste programa coa oferta de participación a alumnado matriculado no presente curso académico. Esta proposta apoiada por ‘la Caixa’ vén poñer en valor o traballo en rede como estratexia á hora de identificar oportunidades de emprego para este grupo de universitarios que atopan maiores dificultades á hora de empregarse.

Atendendo a estas particularidades, a USC deseñou un programa que orientado a favorecer a empregabilidade de futuros/as graduados con discapacidade e, deste xeito axudar á súa inclusión laboral. Neste senso, a USC ten como obxectivos fundacionais o respecto á diversidade e o desenvolvemento de políticas activas de incorporación e inclusión de estudantes con necesidades educativas especiais, así como promover a formación integral da comunidade universitaria mediante actividades de formación activa e a empregabilidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ mantén a promoción da contratación de colectivos vulnerables como unha das súas principais liñas de actuación. Traballa neste eido a través de programación propia pero tamén presta a súa colaboración aos que levan a cabo institucións como a USC co programa de Mentoring Inclusivo.

Mentoring USC
A proposta de Mentoring Inclusivo forma parte do programa Mentoring USC Desenvolvemento Profesional iniciado este curso pola USC coa idea de poñer en contacto alumnado de máster, graduados/as de último curso e titulados/as no curso académico 2014-2015 con directivos e profesionais de empresas, co obxecto de que estes lles presten orientación e apoio na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional.

O obxectivo é axudar a reducir a incerteza do alumnado que rematou ou está a piques de rematar a súa etapa universitaria e carece de referencias previas para orientar axeitadamente o seu perfil ao mercado laboral. O novo programa permite ademais completar un círculo que se inicia nas aulas co proceso formativo e ao que agora se suma o contacto co mundo laboral. Poden ser mentores ou mentoras calquera directivo, profesional ou emprendedor con preparación que estea disposto a dedicar unha parte do seu tempo a escoitar as inquedanzas dos estudantes, compartir coñecementos e experiencias e aconsellar ás persoas ‘mentorizadas’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2016.