O proxecto MolDAM recibe nove millóns de euros do ERC para avanzar no control do mundo molecular

A través das posibilidades das microscopías de sonda de varrido que foron descubertas por IBM hai 35 anos, o investigador da USC Diego Peña traballa na construción de moléculas individuais “átomo a átomo” para estudalas en acción e “conseguir dominalas”, afirma. Este é a meta do proxecto MolDAM (Molecular Devices by Atom Manipulation) no que se exploran as enormes posibilidades do mundo molecular a través da construción e estudo de dispositivos nanométricos, manipulados por sofisticados microscopios, con múltiples aplicacións en síntese química, transformación da enerxía e computación. A convocatoria 2020 do programa Synergy Grant do Consello Europeo de Investigación (European Research Council–ERC) financiará con algo máis de nove millóns de euros, durante seis anos, este proxecto executado polo consorcio colaborativo integrado polo Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) ao que pertence Diego Peña; o equipo de investigación de Leo Gross da compañía tecnolóxica IBM Research Zúric; e o grupo de Jascha Repp da universidade xermana de Regensburg. Dos nove millóns, case tres millóns de euros foron obtidos polo equipo da USC.
O que se pretende desenvolver “é extremadamente difícil porque as moléculas teñen o tamaño da millonésima parte dun milímetro, pero conseguilo tería unha gran relevancia, xa que átomos e moléculas forman todo o que nos rodea, incluídos nós mesmos”, explica Diego Peña. MolDAM aproveita as posibilidades das microscopías de sonda de varrido que se converteron nunha das tecnoloxías chave no desenvolvemento da nanotecnoloxía. As melloras realizadas nos últimos anos neste tipo de microscopía, permitiron afondar no mundo molecular e visualizar moléculas con resolución atómica.
Impacto en múltiples campos
A devandita visualización molecular redúcese ata o momento a unha “foto fixa”. “En MolDAM queremos ir un paso máis alá e ver as moléculas en acción, mentres reaccionan, é dicir, mentres rompen e forman ligazóns entre os seus átomos; ou mentres as sometemos a pulsos de voltaxe ou de luz”, explica Peña Gil.
Debido ao pequeno tamaño das moléculas, durante séculos os químicos sintéticos traballaron con millóns de moléculas ao mesmo tempo en disolución. “Agora temos a tecnoloxía para facelo con moléculas individuais, con obxectos que miden a millonésima parte dun milímetro, e isto é o que queremos facer en MolDAM. O que descubramos traballando con moléculas individuais, podería ter impacto nunha gran diversidade de campos científicos, como a síntese química ou a transformación da enerxía”, conclúe o investigador da USC.
Talento USC
A obtida por Diego Peña é a segunda Synergy Grant que conseguen investigadores da USC, un logro que suma valor ao talento e traballo dos investigadores da universidade compostelá. A anterior, no 2018, foi para Rubén Nogueiras, do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), polo proxecto WATCH sobre envellecemento saudable. Este programa europeo ten como fins promover a excelencia científica financiando proxectos de investigación que fusionen fortalezas de diferentes equipos europeos e aproveiten sinerxías para desenvolver proxectos de longo percorrido. O ERC acaba de conceder un total de 34 Synergy Grant.