O proxecto RUPESTR3D evidencia o impacto positivo das tecnoloxías dixitais na conservación da arte rupestre galega
Un equipo de investigación da USC e do CISPAC documentou os petróglifos do Parque Arqueolóxico da arte rupestre de Campo Lameiro empregando técnicas de fotogrametría terrestre e aérea (con dron) para xerar modelos tridimensionais de alta resolución, co obxectivo de garantir a conservación, o estudo e a difusión deste patrimonio.
Os resultados desta investigación presentáronse recentemente no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), xa que o proxecto RUPESTR3D: Modelado 3D e análises de imaxe dixital para o rexistro e documentación da arte rupestre do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro (Pontevedra), liderado por Alia Vázquez Martínez e Alexis Maldonado Ruiz, foi quen se fixo en 2024 cunha das tres axudas do Programa Xan de Forcados que convoca anualmente o centro con sede no Edificio Fontán.
O equipo investigador documentou en 3D, analizou e xeolocalizou os petróglifos do Parque, e tamén elaborou un visor web interactivo que permite tanto a especialistas como ao público xeral acceder a representacións tridimensionais dos paneis cos seus motivos gravados. O uso das técnicas dixitais evidencian o impacto positivo das tecnoloxías na documentación e conservación da arte rupestre “xa que permiten rexistrar con precisión motivos deteriorados ou ocultos pola vexetación, contribuíndo así a unha mellor comprensión e preservación das estacións rupestres ao aire libre”, explican o autor e autora da investigación. Ademais, engaden, “favorece o coñecemento e a protección deste patrimonio cultural”.
Os resultados do proxecto RUPESTR3D presentáronse anteriormente no marco das I Xornadas Internacionais da Arte Rupestre Atlántica no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.