O proxecto ‘Water mining’ demostrará solucións circulares innovadoras en materia de recursos hídricos

Demostrar solucións circulares innovadoras en materia de recursos hídricos para recuperar materiais útiles é a meta que persegue o proxecto ‘Water mining’ que se desenvolverá ao longo de 48 meses e no que toma parte a USC baixo a coordinación da Universidade Tecnolóxica de Delft. O proxecto que acaba de celebrar a súa reunión de inicio, está integrado por 38 socios públicos e privados de doce países europeos e conta cun orzamento de dezanove millóns de euros a través do programa HORIZON 2020 da Comisión Europea.
Como parte do proxecto, realizaranse estudos de caso e demostracións en Chipre, España, Portugal, Italia e Países Baixos para amosar novas formas eficientes de recuperar nutrientes, minerais, enerxía e auga das augas residuais industriais e urbanas e da auga de mar. Incluiranse sitios de demostración de economía circular a gran escala para unha maior sustentabilidade. O equipo do grupo de investigación Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento (ICEDE), coordinado polos profesores Xavier Vence e Ángeles Pereira, contribuirá ao proxecto en varios paquetes de traballo, principalmente aportando experiencia no relativo a modelos de negocio circulares e Policy Packages para impulsar a Economía Circular neste campo.