Os Proxectos de Coñecemento da Realidade, unha oportunidade de realizar actividades de cooperación con recoñecemento académico
Os Proxectos de Coñecemento da Realidade (PCR) son unha iniciativa que vinculan a participación en actividades de cooperación e o seu recoñecemento académico. Actualmente está en vigor unha nova convocatoria a través da que o alumnado da USC ten a posibilidade de desprazarse a un país empobrecido, para realizar unha estadía de cooperación e que o traballo que desenvolva sexa validado como actividade de participación social ou prácticas da titulación que estea cursando oficialmente na USC segundo a normativa académica correspondente. A realización dun PCR constitúese como unha importante ferramenta de sensibilización sobre a temática, tanto para o propio alumnado beneficiario, como para a sociedade en xeral xa que, tras o regreso da estadía realizará actividades de sensibilización para dar a coñecer a experiencia. Mediante o programa, procúrase un proceso de reflexión dende unha vertente práctica, para implicar ás persoas participantes nas liñas de traballo en cooperación para o desenvolvemento en diferentes países do sur e no traballo que se leva a cabo dende Galicia e fundamentalmente da USC, principalmente no ámbito da sensibilización. A Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua, a través da Área de Voluntariado, Participación e Cooperación Internacional do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU), mantén aberta ata o vindeiro 23 de marzo ás 14.00 horas a convocatoria a todo o estudantado da USC interesado en participar en programas e accións de coñecemento da realidade. A convocatoria diríxese a aqueles estudantes da USC con formación no eido da cooperación ao desenvolvemento e a participación social, que teñan capacidade para convivir e traballar en equipo e, en particular, que estean en condicións de facelo en ambientes culturais e económicos diferentes. A duración do proxectos será de como mínimo 30 días e dun máximo de 90. Os eidos de actuación dos PCR poderán ter una carácter especificamente técnicos (proxectos de saneamento, hidráulica, construción e rehabilitación, ...) ou de calquera outro (educación, desenvolvemento comunitario, adquisición de poder da muller, capacitación de técnicos locais, ...). Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar á paxina web do Servizo de Participación e Integración Universitaria no enderezo http://www.usc.es/gl/servizos/sepiu/sc101/pcr/coop_bolsas_pcr_2012.