Ir o contido principal

Cinco proxectos nos que participa a USC acadan financiamento na convocatoria Atlantic Area 2021-2027

A USC xestionará unha subvención de preto dun millón de euros en catro dos proxectos. FOTO: Santi Alvite
A USC xestionará unha subvención de preto dun millón de euros en catro dos proxectos. FOTO: Santi Alvite
A metade das propostas que a institución compostelá presentou como coordinadora ou beneficiaria acadaron apoio nesta primeira convocatoria
Lugo, Santiago de Compostela

A USC participa en cinco dos proxectos aprobados ao abeiro da primeira convocatoria Atlantic Area 2021-2027, que suman unha subvención de preto de 10,5 millóns de euros. En concreto, a institución compostelá intervén nun 20% dos 27 proxectos que acadaron financiamento, o que supón unha taxa de éxito do 50% con respecto ás propostas presentadas como coordinadora e/ou beneficiaria. A USC xestionará unha subvención de preto dun millón de euros en catro dos proxectos.   

A USC coordina, no eido da ‘Prioridade 1. Innovación e competitividade azuis’, o proxecto titulado ‘Blue Bioeconomy in the Atlantic Area: New Products from Marine Organisms–BEAP-MAR’, liderado por Luis Miguel Botana López. A investigación abordará retos clave do sector da Bioeconomía Azul no Espazo Atlántico como é o caso do coñecemento limitado de organismos mariños, en particular os non explotados comercialmente de xeito tradicional, por exemplo, novas cepas de algas, fungos mariños e esponxas, valorizándoos para desenvolver novos e innovadores compostos bioactivos e produtos para diversas industrias.

En calidade de beneficiaria, a USC participa en dous proxectos no eido da ‘Prioridade 2. Ambiente azul/verde’. Trátase das propostas ‘Advancing towards litter-free Atlantic coastal communities by preventing and reducing macro and micro litter - Free-LitterAT’, coordinado polos investigadores Vicente Pérez Muñuzuri e María Loureiro, sendo o seu obxectivo xeral protexer a biodiversidade aplicando enfoques innovadores para previr e reducir os desfeitos mariños, con especial énfase nos ALDFG e microplásticos; e ‘Transnational cooperation to improve the management and conservation of diadromous fish at sea – DiadSea’, do que é investigador principal Fernando Cobo Gradín. Esta última proposta servirá de marco para elaborar estratexias mariñas transnacionais de xestión e conservación dos peixes diádromos no Atlántico, os cales viven en hábitats diferentes (mariño e doce) que formulan importantes retos para os que faltan solucións conxuntas que mitiguen as ameazas comúns exacerbadas polo cambio climático. 

No eido da ‘Prioridade 3. Turismo e cultura azuis, sostibles e sociais’, aprobouse o proxecto ‘Sunset Tourism in the Atlantic Area– ATLANTIC_SUNSET’, coordinado polos profesores da USC Jorge Mira, Ángel Miramontes e Rubén Lois. O obxectivo xeral é contribuír á valorización da Costa Oeste, en particular dalgúns dos lugares de posta de sol con máis potencial. 

A maiores, a USC participa como entidade asociada, no eido da ‘Prioridade 1. Innovación e competitividade azuis’, no proxecto ‘Atlantic Food Innovation Hub -ATLIC’, do que é investigadora principal, María Elvira López Mosquera. O proxecto creará un novo enfoque para a innovación e o espírito empresarial da mocidade no desenvolvemento da economía azul do Espazo Atlántico.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2023.