Ir o contido principal

Tres proxectos da USC madurados nos centros Yuzz de Lugo e Santiago, finalistas do reality de negocios Enfoca-2

María e Leticia Seara, promotoras de Legalmit
María e Leticia Seara, promotoras de Legalmit
Os promotores de Legalmit, OpSeeker e Memmory Asssistant buscan financiamento para as súas iniciativas de negocio nun encontro en Madrid con inversores e empresas

Tres proxectos empresariais promovidos por emprendedores da USC ao abeiro dos centros Yuzz establecidos este ano nos campus de Lugo e de Santiago, participan esta fin de semana en Madrid na gala final do concurso Enfoca-2, onde os promotores de Legalmit, OpSeeker e Memmory Assistant presentarán, do mesmo xeito que as outras sete candidaturas seleccionadas, as súas respectivas propostas ante inversores e empresarios con obxectivo de acadar financiamento para poder avanzar na execución destas ideas de negocio.

A gala final de Enfocado-2, un concurso para identificar, formar e invertir no crecemento de emprendedores con talento, desenvolverase este sábado 27 de maio, a partir das 16.00 horsa, no madrileño Teatro La Abadía, onde os representantes dos 10 equipos seleccionados como finalistas entre as 246 candidaturas inscritas neste certame, terán uns minutos para presentar, seducir e convencer a empresarios e inversores sobre a oportunidade dos negocios ideados.

Os dez equipos finalistas de Enfocado-2, entre os que se atopa o proxecto Legalmit, xerminado no Centro Yuzz Lugo da USC a iniciativa das irmáns María e Leticia Seara, xa poderán ensaiar esta tarde a súa posta en escena na gala final, no marco dun encontro no que poderán expoñer a súas ideas de negocio a diversos inversores particulares, así como a representantes de empresas, tales como Alsa, Altran e Icex.

Amplo elenco de inversores e empresas

Icex, Telefónica Open Future, que poderá seleccionar un gañador para a fase final de inclusión no programa Wayra ou crowdworkings, Blusens, cuxo presidente executivo e co fundador José Ramón García, estará presente durante todo este reality de negocios e que tamén participa como inversor privado, son algúns dos potenciais inversores ou empresas aos que tratarán de convencer os responsables das iniciativas de negocio finalistas do Enfoca-2.

A esta relación de empresas e inversores cómpre sumar outras, tales como Caja Rural de Zamora, Alsa National Express, Taiger, Itika Muebles, Dentalcom, Gerosol, 1A Ingenierios, Míster Nutrición e Altran.

Legalmit

O proxecto Legalmit, promovido por María e Leticia Seara, constitúe unha legaltecht que conecta persoas con avogados cos que poderán celebrar acordos legais en liña e perfectamente válidos, a través de videoconferencia certificada. A relación en liña que propoñen as irmáns Seara favorece, na súa opinión, relacións máis dinámicas e proactivas entre clientes e avogados, así como unha maior participación no proceso de construción do negocio xurídico.

Legalmit responde a unha plataforma en liña que permite a conexión entre usuarios e profesionais do Dereito as 24 horas do día durante os 365 días do ano, indican María e Leticia Seara, que agardan conseguir financiamento para poder poñer en marcha o que sería o maior bufete de avogados de España con asistencia integramente en liña.

OpSeeker

OpSeeker é unha aplicación web ideada por Gonzalo Camiña Ceballos e xerminada no centro Yuzz de Santiago, que busca mellorar a saúde financeira dos usuarios, aos que permite mellorar as súas inversións e o seu aforro empregando diñeiro ficticio. Esta starup compostelá, constituída por Gonzalo Camiña Ceballos, pretende darlle poder aos clientes da industria do asesoramento financeiro, achegándolles a información necesaria para cubrir a fenda de coñecemento existente entre os profesionais das finanzas e os usuarios.

Memmory Assistant

Memmory Assistant é o proxecto que atinxe a unha ferramenta de xeolocalización proposto por Ángel Rodríguez Cerdeira, que idea unha asistente persoal para persoas con perda de memoria, a fin de facilitarlles o seu día a día. Trátase dun asistente integrado nun reloxo, que se encargaría de proporcionar respostas básicas ao usuario, entre outros datos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.05.2017.