O PSdeG-PSOE expúxolle o programa electoral ao equipo reitoral da USC

O candidato socialista ao Congreso dos Deputados pola provincia de A Coruña, Ceferino Díaz, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuníronse este mércores no Colexio de San Xerome con membros do equipo reitoral encabezado polo reitor Senén Barro.
Ceferino Díaz situou a I+D+i como “eixe prioritario da política económica do PSOE” para os vindeiros catro anos, “nos que se seguirá apostando por unha distribución territorial cada vez máis equilibrada que permita ás universidades galegas, e á de Santiago especialmente, ocupar o lugar que lle corresponde”. A este respecto, destacou que entre as propostas programáticas dos socialistas figura a implementación “rigorosa” do novo Plan Nacional de I+D+i 2008-2011 que establece un crecemento do financiamento para I+D “de máis do 98% nos seus catro anos de vixencia”.
Referiuse tamén Díaz ao financiamento das Universidades, manifestando o compromiso de, “de acordo coas Comunidades Autónomas”, incrementalo “de xeito que nos aproximemos ao 1,5 do PIB”.
Pola súa banda, o reitor agradeceu a preocupación dos socialistas por achegar ao mundo universitario as súas propostas programáticas electorais neste eido á vez que valorou positivamente “que a I+D+I se converta nun elemento económico estratéxico habida conta da posición privilexiada da USC”.