Psicoloxía brinda apoio emocional adaptado a persoas de 50 ou máis anos que están a atravesar momentos difíciles

O Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía (GRISAMP) da USC ofrece apoio emocional adaptado a persoas de 50 ou máis anos que están a atravesar momentos difíciles, con especial atención á prevención do malestar emocional profundo. Esta é o principal obxectivo dun programa psicolóxico gratuíto coordinado polo catedrático Fernando L. Vázquez e financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
“Este programa, breve, innovador e desenvolvido en base aos coñecementos máis actuais en saúde mental, está pensado para quen sente tristeza persistente, perda de interese en actividades que antes gozaban, dificultades para durmir ou concentrarse, fatiga constante, desesperanza e pensamentos repetitivos sobre o sentido da vida ou o desexo de desaparecer”, sinalan dende GRISAMP.
Esta sintomatoloxía, lonxe de ser unha rareza, é “sinal de alarma” á que convén atender con ferramentas adecuadas e acompañamento profesional. O servizo que se presta dende a USC é totalmente confidencial e adáptase ás preferencias e necesidades de cada persoa. Pódese realizar en formato grupal —presencial ou por teléfono— ou de forma individual a través dunha aplicación para smartphones, o que facilita o acceso desde calquera lugar e en distintos horarios.
As persoas interesadas poden obter máis información chamando ao 640 038 592 ou escribindo a hope.intervencion [at] gmail.com (hope[dot]intervencion[at]gmail[dot]com), onde o equipo proporcionará orientación e concertará unha primeira cita de valoración. Con esta iniciativa, a USC reafirma o seu compromiso coa promoción do benestar emocional na madurez e coa prevención de problemas graves de saúde mental, facilitando recursos accesibles, eficaces e cientificamente validados.