Ir o contido principal

Psicoloxía e publicidade centran un ciclo de conferencias na USC

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (Cifex) comeza este venres, día 11, cun ciclo de conferencias co que se pretende chamar a atención sobre a relación existente entre a psicoloxía e a publicidade. Trátase de ofrecer ao alumnado da USC información sobre os procesos psicolóxicos básicos e psicosociais que interveñen na eficacia da publicidade.
A temática será abordada desde un punto de vista xenérico, polo que se tratarán cuestións como o sexismo na publicidade, a persuasión, a publicidade de sustancias nocivas como o tabaco e o alcohol, ou o papel da percepción e as emocións na eficacia dos anuncios.
As xornadas inauguraranse este venres ás 9:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) nun acto ao que asiste o vicerreitor da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán; a vicedecana de Psicoloxía, Gloria Seoane; e a directora do Cifex, Rita Radl Philipp.
A primeira conferencia correrá a cargo do profesor Manuel José Blanco Rial e leva por título ‘Procesos psicolóxicos básicos en publicidade: a percepción’, a quen lle seguirá Mª José Sampedro Vizcaya explicando as emocións.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas, desenvolverase a mesa redonda ‘Procesos psicolóxicos básicos en publicidade na que participarán os profesores Mª José Sampedro Vizcaya, Mª Dolores Ponte Fernández e Manuel Blanco Rial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2008.