As publicacións da USC, na Feira do Libro de Madrid
A Universidade de Santiago, a través do seu Servizo de Publicacións, participa con 13 novidades de 2011 e 2012 na Feira do Libro de Madrid, que se desenvolve no Parque do Retiro entre este venres e o vindeiro 20 de xuño. Entre estas novidades destacan Acción femenina colectiva en Madrid (1909-1931), de Marta del Moral Vargas; a Historia de la Galicia Moderna, coordinada por Isidro Dubert; a edición dos Diálogos sobre la religión natural de David Hume, en coedición coa Universidade de Wyoming; Dinámica cerebral, de Justo Gonzalo, en coedición coa Rede Nacional de Computación ou Iconos de la tiranía, do profesor da Universidade de Berkeley Dru Dougherty. O director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés, asistirá á feira os días 7 e 8 de xuño na procura dun reforzamento da presenza editorial da USC. “Para a nosa universidade, tildada ás veces de periférica, é fundamental dinamizar en eventos como a Feira do Libro accións editoriais que nos consolidan como un selo de referencia”, asegura Blanco Valdés. 810 títulos de Universidades O propósito da Unión de Editoriais Universitarias (UNE) —que presenta un total de 810 novidades— é achegar de primeira man a investigación universitaria a un público non especializado, como é o que acode ao Retiro nestes días. A UNE, ademais, fixo coincidir con esta edición da Feira do Libro o desenvolvemento das II Xornadas-Taller de formación sobre o libro electrónico e o anuncio da convocatoria do I Premio nacional á investigación sobre edición universitaria.