Publicada a convocatoria de proxectos de investigación na USC relacionados coa violencia de xénero

O prazo para concorrer á convocatoria de proxectos de investigación na USC relacionados coa violencia de xénero manterase aberto ata o luns 13 de xuño. Poderán presentarse estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario; sobre a situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero; proxectos que aborden a situación dos menores; investigacións en violencias sexuais; estudos sobre as novas realidades da Trata e as súas posibles respostas; ou traballos que profunden nos sistemas de análise estatística que recolla as violencias machistas que sofren as mulleres que exercen a prostitución.
Poderá solicitar estas axudas o Persoal Docente e Investigador (PDI) a tempo completo en servizo activo na USC. O período de execución dos proxectos será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 7 de novembro de 2022. Nesta ligazón pode accederse ao texto completo desta convocatoria que se enmarca dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e coa colaboración da Consellaría de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a Oficina de Igualdade de Xénero e a Vicerreitoría de Política Científica da USC.