Publicada a oferta de cursos do CLM para o segundo semestre en Lugo e Santiago

A USC convoca para o segundo semestre do curso 2020-2021 a matrícula nos cursos do Centro de Linguas Modernas (CLM) nos campus de Santiago e Lugo. Alemán, francés, galego para non galegofalantes, inglés e portugués son os cursos regulares semestrais ofertados para o Campus de Lugo. No caso de Santiago, os idiomas ofertados nesta modalidade son alemán, catalán, francés, galego para non galegofalantes, italiano e portugués.
No apartado relativo aos cursos específicos do segundo semestre para Santiago de Compostela, o CLM impartirá Alemán B2 para Filoloxía, Cursos de preparación para os exames “Certificats B i C de Català” do IRL, así como Inglés–Curso semi-intensivo semestral nas modalidades B1, B2 e C1. No caso de Lugo, impartirase o curso específico Listenig and Speaking Skills B2. O seminario Checo para o contexto universitario en Santiago de Compostela e Sesións de conversa en linguas estranxeiras, niveis intermedio e avanzado en Lugo, completan a oferta do CLM para este segundo semestre.
Test de nivel
As persoas interesadas en cursar estudos nunha lingua da cal posúan coñecementos previos e non aprobaron durante o curso anterior no CLM ou na Escola Oficial de Idiomas (EOI) terán que facer un test de nivel. A inscrición na proba farase por Internet dende a secretaría virtual da USC á que se pode acceder dende a páxina web do CLM. Os resultados dos test de clasificación publicaranse na secretaría virtual do alumnado. O prazo de inscrición nas probas para os cursos semestrais de inglés estenderase ata o 2 de febreiro de 2021. Os tests realizaranse os días 27 de xaneiro e 2 de febreiro. Para os cursos regulares do segundo semestre, o prazo de inscrición manterase aberto ata o 4 de febreiro. As probas realizaranse os días 1, 3 e 4 de febreiro.
Matrícula
O único requisito para tomar parte nestes cursos é ter cumpridos 16 anos ou cumprilos no ano académico actual. As persoas que aprobaron no ano anterior un nivel segundo o Marco Europeo Común de Referencia (MECR) na EOI poderán matricularse directamente no curso inmediatamente superior, sen facer o test de nivel. Asemade, as persoas que aprobaron no ano anterior ou hai dous anos un nivel segundo o MECR no CLM poderán matricularse directamente no curso inmediatamente superior, sen faceren o test de nivel. As persoas interesadas deben contactar co CLM no enderezo electrónico clm [at] usc.gal (clm[at]usc[dot]gal) para solicitar a autorización da súa matrícula, agás as persoas que aprobaron no ano anterior ou no primeiro semestre un nivel segundo o MECR no CLM. A matrícula farase por Internet dende a páxina web do CLM.
Asemade, a USC convoca para o segundo semestre a matrícula nos cursos de español como lingua estranxeira, cuxa oferta e procedemento de matrícula pode consultarse nesta ligazón.