Ir o contido principal

Publicada unha nova versión da base de datos CODOLGA

A infraestrutura informática na que se atopa esta documentación, permite realizar buscas de calquera palabra ou conxunto de palabras segundo diversos criterios, o que fai deste corpus textual unha ferramenta básica para a docencia e a investigación de índole lingüística, literaria, histórica, cultural ou sociolóxica
Santiago de Compostela

O proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) acaba de publicar unha nova versión da súa base de datos, a número dezasete. Este proxecto, dirixido polo profesor Xosé Carracedo Fraga do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC, desenvólvese no marco dun convenio existente entre a institución compostelá e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A base de datos actualízase anualmente con documentación medieval en lingua latina relacionada con Galicia comprendida entre o século VI e o século XV, ambos os dous incluídos. A infraestrutura informática na que se atopa esta documentación, permite realizar buscas de calquera palabra ou conxunto de palabras segundo diversos criterios, o que fai deste corpus textual unha ferramenta básica para a docencia e a investigación de diversa índole: lingüística, literaria, histórica, cultural ou sociolóxica.

Nesta nova versión implementouse unha serie de melloras no sistema de buscas e na presentación de resultados e incorporáronse 836 novos documentos ao corpus, que sumados aos das versións precedentes, fan un total de 18.624 documentos dispoñibles. Ademais continuouse coa ampliación do apartado de fontes dispersas e inéditas da documentación e historiografía latina medieval con referencias á Gallaecia.

O CODOLGA forma parte da rede colaborativa Corpus Documentale Latinum Hispaniarum (CODOLHISP), que engloba proxectos dedicados ao estudo da documentación latina dos antigos reinos da Hispania medieval. “O equipo do CODOLGA desexa dedicar de forma especial este número ao profesor José Manuel Díaz de Bustamante, membro do proxecto dende os seus inicios hai xa máis de 25 anos e o seu director dende o ano 2017, como unha pequena homenaxe con motivo da súa xubilación administrativa, que por suposto non supón remate da súa dedicación ao proxecto”, explica o profesor Carracedo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2021.