Novo pulo á investigación desenvolvida nos centros singulares

As tres universidades públicas galegas e a Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia asinaron este luns dous acordos de colaboración en materia de actividade investigadora e para o financiamento dos Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS). “Os logros obtidos polos centros de investigación de Galicia confirman que estes polos son a xoia da coroa dos nosos proxectos de I+D+i”, destacou o conselleiro Román Rodríguez xunto cos tres reitores, Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UVigo) e Julio Abalde (UDC). Uns centros que “nos últimos tres anos teñen logrado uns datos verdadeiramente notables, cunha repercusión positiva próxima aos 80 millóns de euros en proxectos competitivos e con preto de 1.800 traballando nas súas diferentes instancias”.
No caso da institución compostelá, o acordo outorga apoio ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). En liñas xerais, cada un deles percibirá unha contía similar á que viña recibindo anualmente, pero calculada para 10 meses, ata o momento en que se publique a nova convocatoria de axudas e tendo en conta a avaliación cualitativa do seu funcionamento actual.
Por outra banda, subscribiuse unha nova colaboración para financiar o funcionamento dos servizos e as infraestruturas científico-tecnolóxicas das universidades. Isto abrangue tanto a contratación de persoal como diversos gastos (electricidade, seguridade ou mantemento, entre outros), compra de pequeno equipamento inventariable, licenzas e renovacións de licenzas de software ou a adquisición de material funxible e consumibles en xeral.
