Ir o contido principal

‘Punto e seguido’ trae de novo a Lugo a última obra da compañía de teatro universitario do campus lucense

Un momento da representación da obra , da compañía de teatro universitario da USC en Lugo
Un momento da representación da obra , da compañía de teatro universitario da USC en Lugo
, dirixida por Paloma Lugilde, recibiu recentemente o premio do xurado na XVII edición da Mostra de Teatro Universitario de Ourense

As actividades do programa ‘Punto e seguido’ que estes días se desenvolve na capital lucense continúan o mércores 23 ás 20.30 horas coa representación no auditorio Gustavo Freire da obra da compañía de teatro da USC en Lugo In yer face. Na túa cara. A obra, cuxa dirección e dramaturxia corre a cargo de Paloma Lugilde, baséase na biografía e na obra dramática da británica Sarah Kane e achega unha proposta escénica onde a angustia, a dor e a crueldade van tecendo a trama, na que unha particular Alicia realiza unha viaxe a un mundo que pouco ten que ver co país das marabillas de Lewis Carroll e no que subxace unha descarnada denuncia da violencia que caracteriza a sociedade moderna. In yer face, que se estreou xa en Lugo no mes de marzo (dentro do festival de teatro universitario), vén de representarse recentemente en Lisboa, Santiago e Ourense,onde foi recoñecida recentemente co premio especial do xurado na XVII Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu). Outras citas de ‘Punto e seguido’ O xoves 24 a cita será ás 18.30 horas na praza de Santa María, onde se celebrará un concerto colectivo a cargo da banda do Centro de Música de Fingoi, o Conservatorio Profesional de Música e a escola de música Fábrica de Sons. O mesmo xoves, ás 20.30 horas, o grupo musical Lobalú actuará no auditorio Gustavo Freire para presentar o seu último disco, Haikus. O programa de actividades péchase o luns 28 ás 20.30 horas no Círculo das Artes cun concerto do coro da Universidade de Santiago e a Capela Compostelá. ‘Punto e seguido’ forma parte das actividades do programa Lugo Cultural 2012, no que participan a USC, a Xunta de Galicia e o Concello e a Deputación de Lugo. A entrada a todos os espectáculos é gratuíta ata completar a capacidade das salas ou espazos onde se representan.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2012.