QS World University Rankings sitúa a USC entre as mellores universidades de Europa

QS World University Rankings sitúa a USC no chanzo 236 de entre 688 institucións universitarias europeas pertencentes a 42 localizacións e sitúaa no posto 19 da clasificación correspondente ás universidades do Estado español. Esta é a primeira edición que QS elabora desta listaxe centrada especificamente no sistema universitario europeo e na que se atopan un total de 43 universidades españolas.
O intercambio de estudantado saínte é o eido mellor valorado da USC no seo desta clasificación. En concreto, neste ámbito a institución compostelá ocupa o chanzo 64 de Europa. O seguinte eido mellor valorado é a reputación académica (posto 155) e o intercambio de estudantado entrante (posto 166).
Os restantes ámbitos que QS World University Rankings pon en valor con respecto á USC son: artigos por facultade (posto 216), sustentabilidade (217), rede internacional de investigación (224), e reputación dos empregadores (248). A clasificación tamén valora outros eidos como citas por artigo, resultados de empregabilidade, a proporción de estudantado por facultade, a internacionalización do alumnado, así como a diversidade do seu estudantado internacional.
Metodoloxía
Esta clasificación conforma a puntuación final de cada institución logo de valorar a súa reputación académica (30%), a reputación dos empregadores (15%), citas por artigo (10%), rede internacional de investigación (10%), artigos por facultade (5%), os resultados laborais (5%), a proporción de estudantado por facultade (5%), a diversidade do estudantado internacional (5%), a proporción de internacionalización de cada centro (5%), a sustentabilidade (5%) e a mobilidade do alumnado, tanto de entrada (2,5%) como de saída (2,5%).