Quedan aínda prazas libres para inscribirse na última quenda do Verán CampUSC 2012, do 3 ao 11 de setembro
O programa Verán CampUSC 2012 regresará á actividade no mes de setembro, logo de que o martes 31 de xullo rematara a súa cuarta fase cunha xornada de natación na piscina descuberta de Sar. A quinta e derradeira quenda desenvolverase desde o 3 ao 11 de setembro, cunha oferta lúdica e deportiva similar á xa ofertada ata o de agora, e na que haberá visitas tanto á Cidade da Cultura como á piscina descuberta de Sar, así como actividades deportivas e de ocio e tempo libre.
Un equipo especializado neste tipo de programas e composto por 14 persoas (monitores de ocio e tempo libre, un director de ocio e tempo libre, licenciados en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, técnicos superiores de animación de actividades físico deportivas...) responsabilízase de coordinar esta iniciativa, a través dunha programación na que se combinan actividades de aprendizaxe, diversión e de relación entre os participantes. No primeiro ciclo de actividades do Verán CampUSC 2012 (as catro primeiras quendas desenvolvidas do 25 de xuño ao 31 de xullo) participaron xa arredor de 250 nenos e nenas.
Quedan aínda prazas libres para inscribirse durante o mes de agosto nesta última quenda de setembro, tanto a través da páxina da Fundación USC Deportiva como chamando ao teléfono 881 975 399.