'Non quedes fóra de onda. Reivindica a igualdade'
‘Non quedes fóra de onda. Reivindica a igualdade’ é o slogan escollido para a campaña informativa sobre a presenza das mulleres na USC que acaba de lanzar a Vicerreitoría de Calidade e Planificación e a Oficina de Igualdade de Xénero con motivo do 8 de marzo, Día da Muller traballadora.
A campaña, que non se lanzou antes por mor da campaña electoral, pretende divulgar a través de pósters informativos os datos sobre a distribución de homes e mulleres nos distintos colectivos da USC, así como a súa presenza nos órganos de goberno e representación.
Por outra banda, aprovéitase para dar a coñecer o ‘Diagnóstico sobre a Igualdade na USC’ que elaborou a Vicerreitoría e que se atopa publicado na súa páxina web. Neste estudo realízase unha análise ampla da situación na que se atopa a universidade compostelá con respecto á igualdade de xénero.