Ir o contido principal

Nova quenda para a práctica do deporte no Campus de Lugo

Esta semana ábrese o prazo de inscrición nos distintos deportes impulsados pola USC para o segundo cuadrimestre

O servizo de deportes da USC pón en marcha no Campus de Lugo as actividades deportivas de cara ao segundo cuadrimestre. O luns 28 de febreiro iniciárase a nova tempada de deportes dirixida ao conxunto da comunidade universitaria e as persoas interesadas deberán inscribirse a partir deste xoves 10 de febreiro.

Deportes da USC Os deportes no ámbito universitario lugués espállanse por distintos emprazamentos e horarios. A ximnasia de mantemento, o aeróbic e o step, e especialmente o pilates foron xa as actividades que espertaron un maior interese no primeiro cuadrimestre. A aula de deporte e cultura da Facultade de Veterinaria é o lugar onde se imparten estas disciplinas, xunto coas de danza oriental e esgrima. Os que desexen practicar outros deportes en auxe como son o ioga e o tae-kwondo deberán acudir ás clases que se realizan no ximnasio da piscina das Pedreiras, tamén no campus universitario. O ximnasio do Pazo de Deportes é, por outra banda, o lugar onde paralelamente se desenvolverán as sesións de acondicionamento físico e squash. Coma no resto de iniciativas deportivas, os usuarios dividiranse por grupos. Actividades externas Ademais destas disciplinas, os membros da comunidade universitaria poden tamén optar pola práctica do pádel ou da hípica aproveitando os descontos que teñen nas entidades vinculadas a estas dúas áreas na cidade de Lugo. Neste senso tamén poden beneficiarse do convenio para a utilización das instalacións do Club Fluvial, que conta con piscina, sauna e ximnasio, así como do tenis de mesa, outra das actividades externas. No ámbito do atletismo, o equipo da USC que participa no circuíto de carreiras de atletismo ‘ Corre con Nós’, impulsado polo Concello de Lugo e que xa conta cun nutrido equipo de corredores, permanece aberto á integración dos deportistas que o desexen de cara ás vindeiras competicións. Inscrición A inscrición pode realizarase dende a propia web da USC, no apartado do Servizo de Deportes ou acudindo á Oficina de Deportes do Campus de Lugo, localizada no edificio da Biblioteca Intercentros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.02.2011.