Ir o contido principal

Química na fronteira para conmemorar os 10 anos do CiQUS

José Luis Mascareñas intervindo no acto inaugural
José Luis Mascareñas intervindo no acto inaugural
O premio Nobel David MacMillan é un dos relatores do foro que bota a andar este mércores e no que 250 especialistas debaterán ata o venres 1 sobre investigación interdisciplinaria en torno aos límites da química coa bioloxía ou a ciencia de materiais
Santiago de Compostela

O I Simposio  Chemistry  at  the  Frontier bota a andar este mércores 30 no edificio Fontán da Cidade da Cultura co gallo da conmemoración do décimo aniversario do Centro Singular de Investigación en Química  Biolóxica e  Materiais Moleculares da USC (CiQUS). Ata o vindeiro venres, Santiago de Compostela convértese en foco científico internacional grazas a este simposio no que destaca, entre outros relatores internacionais, o Premio Nobel de Química 2021 David MacMillan. Tamén interveñen no simposio investigadores principais deste centro singular da USC como Diego Peña, Martín  Fañanás ou Beatriz  Pelaz.

O evento científico reúne a arredor de 250 investigadores para conmemorar os dez anos de historia deste centro de referencia en investigación interdisciplinaria en química e nas súas fronteiras coa bioloxía e a ciencia de materiais. A principal misión do  CiQUS é desenvolver ciencia na fronteira do coñecemento e proporcionar formación de alto nivel a científicos e profesionais no ámbito da química e a biomedicina. Para iso dotouse dunha estrutura organizativa e de xestión innovadora e un equipo humano multidisciplinar, composto na actualidade por 190 investigadores distribuídos en 18 grupos.

Tendencias e retos

As persoas convidadas son referentes nas tres áreas estratéxicas de investigación do  CiQUS (química biolóxica e médica, materiais funcionais con aplicación tecnolóxica e tecnoloxías sintéticas para un desenvolvemento sostible) e reflicten a aposta do Centro polo talento novo e o equilibrio de xénero. Entre eles destacan personalidades científicas como  Helma  Wennemers da Universidade de Zúric ou Harry Anderson da Universidade de Oxford.

“O crecente prestixio internacional que adquiriu o noso Centro converteuno en polo de atracción de talento procedente de todo o mundo. De feito, o 25% do persoal investigador, hoxe líderes de grupo, uniuse ao  CiQUS a través de programas de captación de talento novo, sen gardar ningunha relación previa con Galicia nin a USC, dato incuestionable que confirma o soporte de excelencia que significa o  CiQUS, tanto en formación, como en recursos técnicos e humanos”, explicou o director científico deste centro singular da USC, José Luis Mascareñas. Ademais, “o modelo de funcionamento do noso Centro inclúe unha avaliación continuada e esixente por parte dunha comisión externa de máximo prestixio da que forman parte, entre outros, o Premio Nobel Jean-Pierre Sauvage, e que nos anima a seguir traballando baixo os máis altos estándares”, concluíu Mascareñas.

Nacido en 2011, o CiQUS foi o primeiro dunha rede de centros cun novo modelo de organización e funcionamento, que constituíu o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto Campus Vida (Campus de Excelencia Internacional) da USC. O  CiQUS conta coa acreditación como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego (SUG) e o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2022.