A quinta edición da Xornada sobre recursos educativos centrarase na Formación Profesional
A quinta xornada sobre os recursos educativos en galego que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación centrará a súa atención sobre os materiais didácticos orientados á Formación Profesional. A iniciativa pretende que o alumnado do centro tome conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente así como coñecer de primeira man cales son os materiais realizados en galego cos que poderá contar no seu futuro profesional. A xornada desenvolverase en dous días –16 e 17 de novembro– nos que se analizará a situación actual dos materiais didácticos en galego ao tempo que proporcionar aos futuros profesionais estratexias e criterios que lle permitan coñecer e empregar os recursos existentes, adaptándoos ás súas diferentes necesidades. Así, búscase promover a creación de recursos e materiais propios adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia, ao tempo que impulsar a difusión de experiencias educativas centradas na utilización e elaboración de recursos didácticos en lingua galega. O programa que se vai desenvolver no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación de Campus Vida articúlase sobre a presentación conferencias, ao tempo que sobre obradoiros e presentacións de experiencias particulares. Esta é unha actividade de balde –ata cubrir 200 prazas– dirixida inicialmente ao alumnado, profesorado e PAS, na que a inscrición remata o próximo 12 de novembro. A participación está recoñecido cun crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC.