A quinta edición das xornadas sobre ‘Recursos educativos’ estará dedicada á Formación Profesional
A quinta xornada sobre os recursos educativos en galego que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación centrará a súa atención sobre os materiais didácticos orientados á Formación Profesional. A iniciativa pretende que o alumnado do centro tome conciencia da importancia que teñen os recursos educativos na práctica docente así como coñecer de primeira man cales son os materiais realizados en galego cos que poderá contar no seu futuro profesional. A xornada desenvolverase este venres 16 e o sábado 17 para analizar a situación actual dos materiais didácticos en galego ao tempo que proporcionar aos futuros profesionais estratexias e criterios que lle permitan coñecer e empregar os recursos existentes, adaptándoos ás súas diferentes necesidades. Así, búscase promover a creación de recursos e materiais propios adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia, ao tempo que impulsar a difusión de experiencias educativas centradas na utilización e elaboración de recursos didácticos en lingua galega. O programa que se vai desenvolver no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación de Campus Vida articúlase sobre a presentación conferencias, ao tempo que sobre obradoiros e presentacións de experiencias particulares. O acto de apertura celebrarase a partir das 10.00 horas, seguido da conferencia inaugural que pronunciará o xefe de servizo de Ordenación e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Xosé Romarís Lens, co título ‘Os recursos educativos en galego para a Formación Profesional’. Deseguido abrirase unha quenda de intervencións que mostrarán experiencias diversas sobre a familia de servizos á comunidade. Esta é unha actividade de balde –ata cubrir 200 prazas– dirixida inicialmente ao alumnado, profesorado e PAS, na que a participación está recoñecido cun crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC.