Ir o contido principal

Radio Galicia cede a súa fonoteca á USC por un período de dez anos

O reitor Juan Viaño e Jordi Jordá asinaron o contrato nun acto procolario en San Xerome. Foto: Servimav-USC
O reitor Juan Viaño e Jordi Jordá asinaron o contrato nun acto procolario en San Xerome. Foto: Servimav-USC

A cesión en comodato da fonoteca de Radio Galicia á Universidade de Santiago por un período de dez ano prorrogables quedou regulado por un contrato de cesión que asinaron este martes 15 o reitor Juan Viaño e Jordi Jordá i Casademont, en representación da Sociedad Española de Radiofusión (SER). O acto protocolario de sinatura deste acordo celebrouse no Despacho Reitoral do Colexio de San Xerome.

A Fonoteca de Radio Galicia intégrana 500 exemplares cun valor aproximado de seis mil euros, aos que a USC aplicará un proceso de catalogación e dixitalización conforme criterios arquivísticos internacionalmente aceptados para a súa posterior incorporación á plataforma do proxecto Meiga. A USC disporá de copia deste fondos dixitalizados para a súa consulta por parte de persoal investigador e estudantado.

Entre os documentos dos fondos da emisora atópanse numerosos audios relativos ao Estatuto de Autonomía, a constitución a da Xunta de Galicia en 1978, a homenaxe a Celso Emilio Ferreiro o ano do seu falecemento en 1979, os pregóns das festas do Apóstol de diversos anos, a retransmisión da visita do Papa Juan Pablo II en 1982 ou a inauguración do Instituto da Lingua en 1984, entre outros.

“Sen dúbida, estamos ante un documento que vai poñer en valor o patrimonio de Radio Galicia co traballo dos profesionais da Universidade de Santiago, ben sexan docentes, investigadores ou persoal de administración e servizos”, dixo o reitor tras a sinatura do contrato. Viaño agradeceu á emisora “a sensibilidade durante todos estes anos que permitiu gravar, custodiar e almacenar todos estes documentos sonoros que xa forman parte da nosa historia”.

Tamén Jordi Jordá aludiu ao valor histórico dos fondos da fonoteca, unha colección de documentos de contido social e de natureza diversa que poñen voz á historia da cidade e que, ao mesmo tempo, testemuñan fitos históricos de Galicia.

O contrato subscrito contempla ademais que xunto aos fondos fonográficos cedidos nesta ocasión Radio Galia poderá facilitar no futuro á USC outros fondos como gravacións fonográficas comerciais (discos de vinilo, CDs, ...), gravacións das emisións de Radio Galicia-Cadena Ser, gravacións de espazos publicitarios radiofónicos, fotografías, publicacións escritas, recortes de prensa e impresos relacionados coa emisora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.12.2015.