A RAGC inaugurou o novo curso académico coa entrega de premios a investigadores da USC

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou este mércores no acto solemne de apertura de curso os Premios de Investigación Ernesto Vieitez 2016, que recoñecen o esforzo científico de varios investigadores e investigadoras da USC.
Se ben os premios na súa vixésimo quinta edición recaeron nun grupo do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC por un traballo sobre o anisakis e na investigadora do Grupo de Fisiopatoloxía Endócrina do IDIS e licenciada pola USC Silvia Barja, dada a calidade das propostas presentadas o xurado decidiu sumar este ano unha mención honorífica para un estudo sobre a función de Green realizada polos matemáticos da USC Alberto Cabada e Lorena Saavedra.
Tamén na modalidade de novos investigadores outorgouse unha mención honorífica á química do Centro Singular de Investigación en Química Bioloxía e Materiais Moleculares (CIQUS) Jessica Rodríguez por un traballo de recoñecemento selectivo de longas secuencias de ADN con construcións peptídicas multicompoñentes.
Na cerimonia, á que pola USC asistiu o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López, o presidente da RAGC anunciou a incorporación de catro novos académicos á institución ao longo deste ano, dous deles da USC: o químico Arturo López Quintela e o físico José Rivas.