Ir o contido principal

A RAGC premia un estudo da “domesticación” do castiñeiro e o achado dunha nova diana farmacolóxica contra a obesidade

Ramos, Díaz e Pereira, autores do estudo sobre a 'domesticación' do castiñeiro, e Juan Cuñarro, nun laboratorio do CiMUS da USC
Ramos, Díaz e Pereira, autores do estudo sobre a 'domesticación' do castiñeiro, e Juan Cuñarro, nun laboratorio do CiMUS da USC
Os Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2019 nas categorías sénior e mozos recaen en científicos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e do CiMUS da USC
Lugo, Santiago de Compostela

As primeiras prácticas de “domesticación instantánea”, é dicir, de cultivo mediante o enxerto, foron realizadas en Galicia a principios do século XV. Así o demostra un estudo xenético sobre o castiñeiro no sur de Europa desenvolvido polo grupo de Agronomía do Campus de Lugo da USC que acaba de ser recoñecido co Premio de Investigación 2019 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) a científicos sénior, dotado con 6.000 euros en metálico. Baixo a coordinación do catedrático Santiago Pereira, no estudo colaboraron científicos franceses, italianos, andaluces, vascos e estremeños.

O galardón outorgado pola RAGC na categoría de investigadores mozos, un premio que ten unha dotación de 2.000 euros, recaeu no biólogo e investigador do CiMUS da USC Juan Cuñarro, polo seu traballo de identificación dunha nova diana para terapias contra a obesidade e a síndrome metabólica en xeral, un grupo de afeccións relacionadas co risco de desenvolver unha enfermidade cardíaca e diabetes tipo 2.

A elección dos galardoados da vixésimo oitava edición dos premios da RAGC, que levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, vén de ser aprobada polos académicos nun pleno no que tamén se acordou a concesión de mencións honoríficas a outros investigadores da USC e da UVigo. A Real Academia Galega de Ciencias entregará os galardón o vindeiro 8 de outubro co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galicia.

A primeira análise xenética da “domesticación” do castiñeiro
O equipo galardoado pola RAGC co premio de investigación a científicos sénior está liderado polo grupo de Agronomía da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do campus de Lugo da USC e integra a investigadores do Instituto Nacional de Investigación Agronómica de Francia (Universidade de Burdeos), do Instituto de Investigación do Ecosistema Terrestre de Italia, así como das universidades de Córdoba e Estremadura, e do Centro de Recuperación de Recursos Xenéticos de Álava.

O estudo científico coordinado polos investigadores galegos Santiago Pereira e Ana María Ramos constitúe a primeira análise xenética de castiñeiros monumentais no sur de Europa, un traballo realizado co obxectivo de comprender mellor os efectos do enxerto no proceso de “ domesticación” desta especie ao longo da historia e tamén para avaliar o impacto desta práctica sobre a diversidade xenética desta especie. Da avaliación de 105 árbores centenarias de España, Italia e Portugal resultou que as primeiras evidencias de domesticación mediante enxertos localízanse en Galicia, nunha árbore cun perímetro de 15 metros situada no lugar de Pexeiros (Os Blancos, Ourense), dunha caste non descrita ata o momento e que data de principios do século XV (aproximadamente do ano 1427). No Val do Douro portugués, o castiñeiro monumental enxertado máis antigo calcúlase que data de arredor de 1479, mentres que no País Vasco cómpre remontarse ata o século XVI (ano 1558) e en Italia, ao século XVII.

O proxecto recoñecido pola RAGC inclúe a comparación dos resultados obtidos cos xenotipos rexistrados na base de datos europea sobre o castiñeiro no que o grupo de Agronomía da USC xa traballara. Da análise despréndese que a estrutura xenética dos castiñeiros cultivados non difire da dos silvestres. Ademais, a diversidade do cultivo desde os seus inicios, con labores de enxerto nun gran número de castiñeiros, propiciou que ao longo dos séculos se retivese a rica variedade xenética das árbores silvestres. Como conclusión do seu estudo, os investigadores recomendan manter a diversidade clonal para conservar a variabilidade xenética dos castiñeiros en toda Europa.

Nova diana farmacolóxica para a síndrome metabólica
O biólogo e investigador Juan Cuñarro Gómez, do Grupo Diabesity do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, vén de acadar o premio da RAGC a científicos de menos de 30 anos, cun proxecto no que contou coa colaboración do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (Madrid) e do Instituto de Investigación Sanitaria Biocruces (Biscaia). A investigación identifica por primeira vez a proteína p107 como unha potencial diana terapéutica para a abordaxe da obesidade e da síndrome metabólica en xeral. Dada a relación directa destas coas enfermidades cardiovasculares e coa diabetes tipo 2, o achado de novas dianas farmacolóxicas é un reto científico de primeira orde, o que pon de relevo a importancia do traballo liderado por Cuñarro.

A investigación describe como a actuación sobre a proteína p107 para reducir a súa expresión no organismo favorece a perda de peso debido a un incremento do gasto enerxético mediante a activación da termoxénese, o proceso de metabolización da graxa para producir calor corporal. Isto contribúe a unha mellor regulación da glucosa no sangue, á diminución de graxa no fígado e a unha melloría no perfil de lípidos, coa redución dos triglicéridos e do colesterol. Todo incluso en caso de dietas altas en graxa.

Mencións honoríficas
A RAGC outorgou tamén unha mención honorífica en categoría sénior a María Celeiro, do Instituto Cretus da USC, e María Llompart, polo desenvolvemento dunha metodoloxía in-situ para a monitorización de contaminantes emerxentes en augas. Xabier García, do Departamento de Matemáticas do campus de Ourense da UVigo, acadou a mención a investigadores mozos por un traballo realizado en colaboración cun científico belga no que describe a variedade de álxebras de Lie a través da exponenciación alxébrica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2019.