Ir o contido principal

O ránking CWUR destaca o rendemento investigador da USC e a inserción laboral do estudantado egresado

A calidade da investigación realizada na USC é un dos aspectos que destaca CWUR. FOTO: Santi Alvite
A calidade da investigación realizada na USC é un dos aspectos que destaca CWUR. FOTO: Santi Alvite
A Universidade de Santiago de Compostela mantense un ano máis como a número doce a nivel estatal e ascende ao chanzo 192 no contexto universitario europeo
Lugo, Santiago de Compostela

O Center for World University Rankings (CWUR) mantén a USC entre as mellores universidades a nivel internacional ao situala na posición 500, dun total de 21.462 institucións académicas de todo o mundo. O rendemento investigador, no que se sitúa como a 473 do mundo, e a empregabilidade son os dous aspectos mellor valorados da USC, na posición décimo segunda de entre as institucións españolas recollidas nesta clasificación. Ademais, a institución compostelá ascende ata o chanzo 192 no apartado relativo a universidades europeas.

A metodoloxía empregada por CWUR parte dunha serie de indicadores estruturados en catro ámbitos. Por unha banda, a calidade da educación mídese a través do número de estudantes que obtiveron distincións académicas en relación ao tamaño da institución. Este ítem conforma o 25% da puntuación final no ránking. O estudantado que obtivo postos executivos de relevancia nas máis importantes compañías do mundo é o indicador que CWUR toma en consideración á hora de abordar o nivel da empregabilidade e que ten un peso do 25% no cómputo global da clasificación.

O persoal docente e investigador que teña obtido distincións académicas serve para medir a calidade dos centros cun peso do 10% no conxunto da puntuación final. Finalmente, no indicador relativo á investigación científica, CWUR analiza o número total de artigos publicados (10%), o número de artigos publicados en revistas de primeiro nivel (10%), o número de artigos publicados en revistas de gran influencia (10%), así como o número de artigos máis citados (10%). Os datos obtéñense a través da información subministrada polas propias universidades, así como a través de sondaxes.

O CWUR é unha organización que ofrece asesoramento sobre políticas, información estratéxica e servizos de consultaría a gobernos e universidades para mellorar os resultados educativos e de investigación. CWUR publica clasificacións universitarias globais autorizadas, recoñecidas pola súa obxectividade, transparencia e coherencia, nas que confían estudantes, académicos, xestores de universidades e gobernos de todo o mundo.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2025.