Ir o contido principal

O ránking Leiden posiciona a USC no posto 427 das mil mellores universidades do mundo en investigación

O ránking Leiden posiciona a USC no posto 427 das mil mellores universidades do mundo en investigación
O ránking Leiden posiciona a USC no posto 427 das mil mellores universidades do mundo en investigación

A USC figura un ano máis no ránking Leiden, clasificación que acaba de actualizar o seu listado no que se inclúen preto de mil universidades organizadas segundo a súa produción investigadora. A partir da análise dos datos incluídos en Web of Science para o período 2013-2016, de entre 938 universidades de 55 países, a institución docente compostelá sitúase na posición 427 cun total de 5.831 publicacións rexistradas durante o período avaliado. De entre as europeas, a Universidade de Santiago está na posición 159 e na duodécima das españolas.

Como explica o propio ránking, para a súa elaboración téñense en conta as universidades de todo o mundo que teñan producido un mínimo de mil publicacións indexadas en Web of Science. Neste senso, unicamente se toman en consideración as publicacións en revistas científicas internacionais e nomeadamente os artigos de investigación e os artigos de revisión, considerando as de autoría colaborativa de xeito fraccionado.

Ademais da posición global e por ámbitos xeográficos, o ránking Leiden fai unha clasificación atendendo tanto ao impacto como á colaboración con outras institucións ou empresas, e por ámbitos de coñecemento. Neste último apartado, a investigación da USC realizada na área de Vida e Ciencias da Terra alcanza as mellores posicións, 190 de entre as preto de mil universidades de todo o mundo. Séguenlle as áreas de Ciencias Físicas e Enxeñaría, no que a USC ascende ao posto 420; Ciencias Sociais e Humanidades (431); Biomedicina e Ciencias da Saúde (455); e Matemáticas e Ciencias da Computación (528).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2018.