O ránking URAP sitúa a USC na posición 456 de entre 3.000 universidades de todo o mundo

O University Ranking by Academic Performance (URAP) incorpora un ano máis a USC na súa listaxe das institucións de ensino superior do mundo con mellor rendemento académica. Logo de procesar os datos de 3.000 institucións, este ránking puntúa as 2.500 mellores, de entre as que a Universidade de Santiago ascende á posición 456 da clasificación mundial e á posición décimo cuarta de entre as 66 universidades españolas recollidas.
Segundo sinala o propio ránking, a súa clasificación baséase en datos obxectivos obtidos de fontes abertas, concretamente de Web of Science e InCites. Para a ordenación dos datos toma como referencia seis indicadores de rendemento académico para o período 2015-2019 como son o número de artigos publicados (21% da nota global), citacións (21%), numero total de documento publicados (10%), impacto total por artigo (18%), impacto total das citacións (15%) e colaboracións internacionais (15%). Todos estes datos estarían referidos á produción científica contabilizada no período 2015-2019. A Universidade compostelá acada os seus mellores rexistros no apartado de citacións e artigos científicos, así como no impacto total por artigo.
URAP preséntase como unha organización sen ánimo de lucro establecida dende 2009 no Informatics Institute of Middle East Technical University. O seu obxectivo principal é o de desenvolver un sistema de clasificación para as universidades mundiais baseado en indicadores de rendemento académico que reflictan a calidade e a cantidade das súas publicacións científicas.
Google Scholar
O CSIC tamén acaba de facer pública unha versión beta da súa clasificación de universidades máis citadas en base a perfís de Google Scholar. A USC está situada na sétima posición de entre as españolas (58) e na posición 213 do conxunto de institucións de todo o mundo recompiladas nesta listaxe, un total de preto de 4.000 universidades.