Ir o contido principal

Ratificado o recoñecemento do complemento de produtividade investigadora ao profesorado axudante doutor da USC

O Consello de Goberno deu tamén luz verde ao proxecto de Regulamento de Xestión Patrimonial da USC. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno deu tamén luz verde ao proxecto de Regulamento de Xestión Patrimonial da USC. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno deu tamén luz verde a un novo regulamento co que se pretende establecer unha ordenación máis estruturada e integradora do réxime patrimonial
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno ratificou este venres o acordo sobre o recoñecemento do complemento de produtividade investigadora  ao profesorado axudante doutor da USC. O pacto asinado esta mesma semana entre a institución compostelá e as organizacións sindicais con representación na mesa de negociación de Persoal Docente e Investigador (PDI), recoñece o dereito á correspondente avaliación do labor investigador deste colectivo nas mesmas condicións que o PDI con vinculación permanente.

Esta medida atópase en consonancia coas premisas que vertebran o Plan plurianual  de Profesorado 2019-2022 e ao abeiro do cal se teñen adoptado nos últimos anos diversas medidas tanto en materia de dotación de prazas como na mellora das condicións laborais deste colectivo. Como explicou o día da sinatura do acordo o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González Seoane, o profesorado axudante doutor é unha figura de acceso á carreira docente e investigadora pola que a USC aposta de forma decidida como vía para propiciar o relevo xeracional e abordar o rexuvenecemento do cadro de persoal docente. O devandito acordo terá eficacia indefinida e o profesorado interesado concorrerá nas convocatorias que publique a USC para este efectos dende 2021 e en adiante, debendo acreditar os requisitos que nelas se establezan e obtendo unha avaliación positiva por parte do órgano que se designe.

En materia de PDI tamén se aprobaron prórrogas de profesorado asociado, comisións de selección de prazas e modificouse a denominación da área de coñecemento propia da USC Psicoloxía Organizacional, Xurídico-Forense e Metodoloxía das Ciencias do Comportamento pola de Psicoloxía Organizacional e Xurídico-Forense.  Completando o capítulo de xestión de persoal, o Consello tamén aprobou a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Persoal de Administración e Servizos (PAS) coa intención de reforzar a xestión relativa ao persoal de investigación e realizar axustes que optimicen o funcionamento do PAS da Universidade.

Xestión patrimonial

O Consello de Goberno deu tamén luz verde ao proxecto de Regulamento de Xestión Patrimonial da USC. O documento aprobado pretende establecer unha ordenación máis estruturada e integradora do réxime patrimonial, centrada na esfera da xestión dos bens e dereitos de titularidade da USC e acorde coas regulacións estatal e autonómica vixentes. A norma abrangue un total de 42 artigos, estruturados en catro títulos, xunto cunha disposición adicional e as oportunas disposicións derradeiras. Entre outros aspectos, este proxecto de regulamento aborda o concepto  de  patrimonio,  réxime  normativo aplicable, clasificación dos bens ou a distribución de competencias, subliñándose ademais os principios xurídicos esenciais que rexen nesta materia. O título primeiro céntrase no réxime xurídico e utilización dos bens e dereitos demaniais; mentres que o segundo pon o foco na xestión do patrimonio, e o terceiro, na súa protección e defensa.

Cátedras

A creación da Cátedra de Transición Enerxética Genesal Energy, así como a Cátedra Interuniversitaria Ordesa de Nutrición Infantil foron outros dos puntos aprobados na reunión deste venres. A primeira delas ten por obxectivos promover e  organizar  actividades  que  contribúan  a  facilitar  a  reflexión  e  o debate  no  ámbito  da  Transición  Enerxética,  co  fin  de  acadar  enriquecemento intelectual e a mellora  na formación, así como lograr que a Transición Enerxética se vincule cada vez máis estreitamente  coa formación  das  promocións  de  grao  e  mestrado. Esta Cátedra é froito dun convenio de colaboración entre a USC e a empresa  Genesal Energy.

Por outra banda, a Cátedra Interuniversitaria Ordesa de Nutrición Infantil é o resultado do convenio de colaboración entre as Universidades de Santiago, Granada, Zaragoza, Cantabria, e os laboratorios Ordesa. Un dos ámbitos de actuación desta Cátedra institucional baséase no desenvolvemento de  competencias  relacionadas  coa  nutrición  do neno san  e  enfermo  dende unha perspectiva clínica e comunitaria nos estudos de grao.

Unidade asociada CSIC-USC

Ademais, na reunión abordouse a proposta para a autorización da creación dunha unidade asociada entre o Consello Superior de Investigacións Científicas (Misión Biolóxica de Galicia) e a USC a través do CiQUS, na que se acometerá o desenvolvemento de novas tecnoloxías químico‐biolóxicas e metodoloxías de síntese química co fin de mellorar a protección dos cultivos de especies autóctonas fronte a enfermidades, e as propiedades dos seus froitos e  sementes, e mitigando o impacto da produción agrícola no medio ambiente. “Para acadar este obxectivo,  é  imprescindible  a  colaboración  entre  químicos  orgánicos  sintéticos  con experiencia en química biolóxica e biólogos expertos na mellora xenética das plantas e na protección dos seus cultivos”, sinala o acordo.

Outros temas

Outras das cuestións tratadas foron a aprobación das memorias de estudos propios, a participación da USC na Fundación INFIAR centrada no aproveitamento do medio rural, e no Clúster da Biomasa de Galicia. Regulamentos de traballos de fin de estudos, asuntos económicos e convenios pecharon a orde do día.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2021.