A Real Academia Galega de Ciencias premia un traballo científico de investigadoras da USC
Por primeira vez nos dezanove anos de historia dos seus Premios de Investigación, e dada a calidade científica dos traballos presentados, a Real Academia Galega de Ciencias decidiu este ano conceder unha Mención Honorífica na categoría de Investigación, que recaeu en dúas investigadoras da USC. Beatriz Magariños e Nuria Castro, do Grupo de Patoloxía na Acuicultura, viron así recoñecido o seu traballo ‘Avances no coñecemento do patóxeno emerxente de rodaballo Edwardsiella tarda’.
O resto dos Premios de Investigación 2009 da Academia galega de Ciencias foron para científicos de tres centros do Consello Superior de Investigacións Científicas e das empresas Terras Gauda e Tragsa. Os premiados, que comparecerán este martes ás 12:00 horas en rolda de prensa, recibirán os seus galardóns nunha cerimonia que terá lugar o 3 de decembro no edificio da institución, en Santiago de Compostela.