O realizador mexicano Mario Viveros analiza na USC o documentalismo social
O realizador e editor mexicano Mario Viveros é o convidado deste mércores 15 dos Encontros no Paraninfo. Ás 19:30 horas na Facultade de Xeografía e Historia, Viveros analizará nunha conferencia a situación actual do documentalismo mexicano. Presentará o acto o profesor Arturo Casas, do comité organizador do II Simposio Internacional Poéticas de Resistencia que se desenvolverá a finais desta semana no Centro de Estudos Avanzados da USC.
O Encontro inclúe ademais a presentación do libro de Carlos Mendoza Canal 6 de Julio: la guerrilla fílmica. Comunicación alternativa. Documental y autogestión e a proxección do documental de Mario Viveros e Nicolás Defossé Romper el cerco (2006), unha produción de Canal 6 de Julio e Promedios.
Mario ViverosViveros, profesor da Universidade Autónoma da Cidade de México, realizou varias curtas de ficción e documentais como En los cuernos de la luna (2001), Zapatistas, crónica de una rebelión (2003), Democracia para imbéciles (2004), Romper el Cerco (2006), Los dueños de la democracia (2007) ou Digna Ochoa (2007).
En 2006 obtivo o premio Pantalla de Cristal á mellor edición polo documental Halcones, terrorismo de Estado.