O recinto feiral de Lugo acolle as xornadas divulgativas 'Ga-láctica', do 17 ao 21 de novembro
As xornadas divulgativas da ciencia do leite, proxecto ‘Ga-láctica’ levaranse a cabo na Aula de Produtos Lácteos entre o 17 e o 21 de novembro, de 10:00 a 13:00 horas, durante a Semana da Ciencia. Están dirixidas a escolares de entre dez e doce anos de centros de ensino de Lugo.
A duración de cada xornada será de tres horas dirixidas a presentar as actividades investigadoras desenvolvidas na Aula de Produtos Lácteos. Destacarán os traballos que actualmente se atopan no mercado; realizarase unha breve explicación do diagrama de fluxo que segue calquera traballo de I+D+I, dende a formulación da idea ata a posta en práctica dos resultados obtidos.
Tamén se procederá a degustar os produtos lácteos para salientar as características máis importantes de cada un deles e farase unha visita guiada aos laboratorios e á planta piloto da Aula de Produtos Lácteos, na que os nenos poderán ver de preto as diferentes tecnoloxías empregadas na elaboración de produtos lácteos, e participar en diferentes actividades.
O principal obxectivo das actividades que se organizan para a Semana da Ciencia, que leva xa oito edicións, é involucrar á cidadanía na ciencia e na tecnoloxía.
As xornadas están promovidas pola Consellería de Innovación e Industria, dentro das accións de comunicación e divulgación científica e tecnolóxica, ‘Diverciencia’, do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (INCITE).
Durante as próximas xornadas numerosas entidades públicas e privadas, desde universidades e centros tecnolóxicos ata concellos e empresas, abren as súas portas e organizan todo tipo de actividades de divulgación para o público. Así a Fundación Sotavento Galicia, organiza ata o 27 de novembro cursos e obradoiros no seu parque experimental de Sotavento en Xermade (Lugo).
Initia 2.0
A USC organiza o programa Initia 2.0, que se desenvolverá ata o 23 de novembro no campus de Lugo. O obxectivo do programa é iniciar ao alumnado de ensino secundario na actividade investigadora dentro dos centros de investigación, orientado polos investigadores e integrándose no traballo e nos equipos de investigación.
Os participantes pasan a ser un membro máis do equipo de investigación traballando nun proxecto titorizado por profesores e investigadores nas distintas disciplinas do campus de Lugo, ciencias experimentais, Ciencias Sociais e Humanidades.