Ir o contido principal

Un recital de saxofón inicia en Lugo 'Músicas na vidreira'

Este ciclo, organizado por Lugo Cultural, serve de apoio aos novos intérpretes da cidade

Un cuarteto de saxofón do Conservatorio Profesional de Música de Lugo ofrecerá este luns 8 ás 14:00 horas un recital na vidreira da Facultade de Veterinaria.
O cuarteto formado por Gerardo Fernández (saxofón soprano), Helena Otero (saxofón alto), Verónica López (saxofón tenor) e Iván Abel (saxofón barítono), interpretará as pezas ‘Ouverture de La Reine de Sabbat’ de Haendel, ‘1º Quatour’ de Singelee, ‘Pequeña Czarda’ e ‘Dixie For Saxes’ de Pedro Iturralde.
Os alumnos da Escola de Música Fábrica de Sons serán os protagonistas do seguinte concerto, que terá lugar o vindeiro 15 de marzo.
Apoio aos novos intérpretes‘Músicas na vidreira’ nace este curso co obxectivo de complementar a oferta do ciclo de música clásica ‘Músicas a carón da Mosqueira’, ao tempo que pretende servir de apoio aos novos intérpretes lugueses que, cos seus diferentes conservatorios ou agrupacións, poderán ofrecer actuacións musicais duns trinta minutos de duración os luns aos mediodías na vidreira de Veterinaria.
Nesta actividade participarán o Conservatorio Profesional de Música de Lugo, a Escola Privada de Música Cantarela, o Centro Autorizado Profesional de Música Galén, o Conservatorio de Música Profesional de Fingoi e a Escola de Música Fábrica de Sons.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2010.