Ir o contido principal

Reconceptualizar a historia sobre o golpe do 36, a Guerra Civil e a ditadura

A 80 anos do golpe militar, o grupo Histagra inaugura o 18 de xullo un congreso sobre historia e memoria

A 80 anos do golpe militar que derivou nunha guerra que rematou coa instauración por parte dos vencedores dunha ditadura de catro décadas, e a 40 anos da morte do ditador, o grupo de investigación Histagra desenvolverá en Santiago no mes de xullo –a inauguración farana coincidir co día 18– un congreso internacional no que se debatirá sobre a necesidade dun novo relato dese tempo.

No encontro ‘1936 ¿Un novo relato? 80 anos, entre historia e memoria’ historiografía e estudos literarios, dous ámbitos de coñecemento que se ocupan da memoria, dialogarán para tentar presentar e discutir as visións e interpretacións que a sociedade española actual manexa desa época e a dimensión ética do seu coñecemento. Tratarán, así, de analizar o relato herdado para contrastalo e deconstruílo confrontándoo con outras memorias, novas investigacións, novos enfoques e co novo caudal de coñecemento histórico e memorialístico, así como cos novos paradigmas que operan nos estudos literarios e culturais.

O congreso está concibido como un espazo de debate entre todos os participantes con intervencións moi breves dos relatores e dos retrucantes para facilitar a discusión aberta con todos os investigadores asistentes. Ademais, haberá un foro de presentación de proxectos de doutorandos ou de investigacións en marcha para o que haberá que presentar un abstract e un CV abreviado a histagra [at] usc.es (histagra[at]usc[dot]es)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2016.