Recoñecemento a un grupo da USC por un proxecto de central xeotérmica con achegue fotovoltaico

O Grupo de Aplicacións Enerxéticas Sostibles da USC resultou finalista do concurso anual EDP University Challenge 2009 cun proxecto de central xeotérmica con achegue fotovoltaico. A profesora Angeles López Agüera dirixiu o traballo realizado por Vicente Gándara co apoio de Miguel Vázquez e Iago Fernández, alumnos do Master de Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética.
O ambicioso proxecto, enmarcado no proceso de rehabilitación ambiental da antiga mina de lignito pardo das Pontes de García Rodríguez, propón unha ampla zona de lecer e recreo enerxeticamente autosustentable mediante o aproveitamento do potencial xeotérmico do futuro lago artificial.
O concurso, patrocinado por EDP Renováveis (EDPR), compañía eólica do Grupo EDP-Enerxías de Portugal e cuarta no mercado eólico mundial, está dirixido a estudantes de universidades españolas que desenvolvan proxectos sobre enerxías renovables. EDP University Challenge 2009 pretende contribuír ao desenvolvemento da excelencia na formación académica complementaria dos licenciados e promover á súa vez unha maior interrelación entre a universidade e o mundo empresarial.
Os cinco equipos finalistas, seleccionados entre preto de trescentos traballos e pertencentes ás universidades de Santiago de Compostela, Alcalá, Carlos III, Complutense, Europea de Madrid, País Vasco, Politécnica de Barcelona, Politécnica de Catalunya e Pontificia de Comiñas, presentaron os seus traballos e recibiron os galardóns a pasada semana no Circulo de Belas Artes de Madrid.