Ir o contido principal

Recoñecidos como centros singulares de investigación de Galicia e agrupacións estratéxicas consolidadas o CiQUS, CiMUS e CiTIUS

O titular da Xunta de Galicia entregou as credencias este xoves. Foto: Xunta de Galicia
O titular da Xunta de Galicia entregou as credencias este xoves. Foto: Xunta de Galicia
Recibirán ata 2019 preto de sete millóns de euros

Tres centros da USC acaban de recibir as súas credenciais como centros singulares de investigación de Galicia ou agrupacións estratéxicas consolidadas que lle outorgou a Xunta de Galicia logo dun proceso de concorrencia competitiva no seo do Sistema Universitario Galego (SUG). Esta convocatoria da administración autonómica, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 levaba parello financiamento para o período comprendido entre 2016 e 2019.

Como centros singulares de investigación de Galicia da USC figuran o de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), que recibirá 2,8 millóns de euros ao longo de catro anos e o de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) que obtivo 2,5 millóns na mesma convocatoria. Pola súa banda, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxía da Información (CiTIUS) acadou 1,4 millóns de euro de financiamento e o recoñecemento como agrupación estratéxica consolidada.

En total, a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou a esta convocatoria máis de 13 millóns de euros ata 2019 co obxectivo de potenciar organizacións que destacan polas súas capacidades científicas e a súa contribución á xeración e difusión de coñecemento. Como se recollía na convocatoria, a actuación ten a finalidade de impulsar a calidade e o impacto da investigación realizada en Galicia e potenciar o efecto tractor que estas unidades exercen sobre o conxunto do sistema.

O financiamento achegado destinarase ao desenvolvemento de programas de investigación co obxectivo de fortalecer as súas capacidades de liderado. As axudan concedéronse en función dunha serie de criterios que valoraban a calidade científico-técnica, capacidade e características destas unidades e dos seus proxectos estratéxicos de investigación en consonancia cos retos estratéxicos contidos na RIS3 Galicia. No acto de entrega destas credenciais, o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo anunciou o lanzamento dun novo programa de captación de talento sénior, para que as tres universidades galegas fichen persoal investigador con carreiras xa consolidadas de xeito que potencien e diversifiquen as liñas de investigación xa consolidadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.02.2017.