Ir o contido principal

Recoñecidos expertos debateron na USC sobre o papel de Galicia na investigación matemática europea

A celebración do centenario do nacemento de Vidal Abascal desenvolveuse no CEA
A celebración do centenario do nacemento de Vidal Abascal desenvolveuse no CEA
O Instituto de Matemáticas celebrou o centenario do nacemento do profesor Enrique Vidal Abascal

O presente ano 2008 cúmprese o primeiro centenario do nacemento de Enrique Vidal Abascal (Oviedo, 1908 - Santiago de Compostela, 1994), considerado o pioneiro no aperturismo da investigación matemática na universidade galega á comunidade científica internacional, en especial á europea. Promotor da Real Academia das Ciencias de Galicia, foi director do Seminario de Estudos Matemáticos de Santiago entre 1967 e 1978.
O Instituto de Matemáticas da USC conmemorou esta data cunha xornada no Centro de Estudos Avanzados na que nomeados expertos internacionais debateron sobre o papel de Galicia na investigación matemática europea. Coordinou o encontro Manuel de León, membro da executiva da Unión Matemática Internacional, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e da Real Academia de Ciencias.
A sesión comezou cun primeiro bloque sobre a formación matemática de investigadores e tecnólogos, fundamental para o desenvolvemento tecnolóxico. Á vista da posta en marcha do Espazo Europeo de Educación Superior os expertos subliñaron a necesidade de reflexionar sobre as dificultades actuais na formación científica e matemática na educación secundaria e universitaria, dada a súa “influencia na captación de recursos humanos no Sistema de Ciencia e Tecnoloxía”.
Na xornada analizouse tamén o papel das matemáticas e a industria na Área Europea de Investigación (ERA), sendo a transferencia do coñecemento matemático á industria un dos temas “máis interesantes na actualidade” e no que Galicia é pioneira. Neste senso, a European Science Foundation (ESF) ten iniciado o estudo ‘Matemáticas e Industria’ que dará as pautas de actuación no futuro en Europa.
Por último, os asistentes profundaron nas infraestruturas para a investigación matemática en Galicia, España e noutras comunidades do estado que se están a poñer en marcha.
Participaron na xornada o director executivo da Sociedade Matemática Americana e de ‘Math for America’ in 2009, John Ewing; o presidente da Sociedade Matemática Europea, Ari Laptev; o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido; o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato; o director do Instituto de Matemáticas, Juan José Nieto; o decano da Facultade de Matemáticas, Juan Viaño; o profesor da USC Alfredo Bermúdez de Castro; e o profesor e membro da Real Academia Galega de Ciencias, Luis Ángel Cordero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2008.