Ir o contido principal

A recuperación das razas autóctonas centra a primeira xornada do curso sobre produción de ovino e caprino do Ibader

Silvia Adán, da Federación de Razas Autóctonas de Galicia, foi a encargada de impartir un dos relatorios da primeira xornada do curso sobre ovino e cabrún organizado polo Ibader
Silvia Adán, da Federación de Razas Autóctonas de Galicia, foi a encargada de impartir un dos relatorios da primeira xornada do curso sobre ovino e cabrún organizado polo Ibader
A actividade formativa desenvólvese ata o xoves 28 ne sede deste Instituto da USC no Campus de Lugo

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) desenvolve estes días unhas xornadas sobre produción de gando ovino e cabrún no medio rural dirixidas polos veterinarios Antonio Iglesias Becerra, Jesús Cantalapiedra Álvarez e Isabel Blanco Penedo e que teñen lugar na sede do Instituto no Campus de Lugo. A xornada do martes 26 comezou con senllos relatorios sobre os programas de recuperación das razas autóctonas galegas de ovellas e cabras, a cargo de Silvia Adán e Pablo Béjar, ambos os dous pertencentes á Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga). A continuación Ángeles Moreno, da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) impartiu un relatorio sobre o comportamento das especies ovina e caprina no medio natural. Finalmente Pablo Iglesias, do Servizo de Explotacións Agrarias da Xunta de Galicia, presentou o programa de axudas nas explotacións de ovino e caprino en Galicia. Xornadas do 27 e o 28 O mércores 27 a actividade iníciase cunha intervención de Eloi Villada, do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) de Lugo, sobre o aproveitamento silvopastoral con pequenos ruminantes. A continuación Manuel Ángel Fernández, responsable técnico de ruminantes da empresa Evialis Galicia, falará sobre as pautas de alimentación da ovella de leite. Este segundo día do curso péchase cun relatorio sobre o control da paratuberculosa na produción ovina a cargo de José Ramón de Jesús, de CZ Veterinaria. A sesión final do curso, o día 28, abrirase cunha dobre charla sobre as enfermidades infecciosas e parasitarias máis comúns nos pequenos ruminantes en Galicia e os coidados no año neonato, por parte do veterinario Miguel Viña, da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica). O curso péchase coa intervención de Jorge Luíz Ramella, profesor do Centro de Ciencias Agroveterinárias da Universidade do Estado de Santa Catarina, no Brasil, quen achegará aos participantes no curso os programas de conservación da raza ovino crioula Lageana e os sistemas de produción de carne de ovino de calidade que se aplican no país suramericano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2012.