Ir o contido principal

Recuperan o repertorio para piano do compositor Juan Montes, con concertos en Santiago e Lugo

Recuperan o repertorio para piano do compositor Juan Montes, con concertos en Santiago e Lugo
Recuperan o repertorio para piano do compositor Juan Montes, con concertos en Santiago e Lugo
O primeiro volume das

A Consellaría de Cultura e Educación e a editorial Dos Acordes presentaron este mércores en rolda de prensa o primeiro volume das Obras para piano do histórico compositor lugués Juan Montes Capón (1840-1899), considerado un dos máximos expoñentes do rexurdir musical galego. Trátase dunha edición crítica a cargo de Joám Trillo que inclúe un estudo introdutorio realizado polo profesor da USC Carlos Villanueva.

Esta nova obra, coeditada por Dos Acordes e pola Axencia Galega das Industrias Culturais na colección Ars Gallaeciae Musicae, presentarase ao público xeral este xoves 15 ás 20:00 horas nunha charla-concerto, de acceso gratuíto e de entrada libre, que contará cunha contextualización a cargo dos profesores Villanueva e Trillo, e que rematará cun pequeno recital a cargo do pianista Javier Otero. Ao día seguinte á mesma hora, realizarase unha segunda charla-concerto na Casa do Saber, en Lugo, cidade natal do compositor.

Un referente do rexurdir musical galego
Juan Montes Capón (1840-1899) é, xunto con Marcial del Adalid e Pascual Veiga, un dos máximos expoñentes do rexurdir musical galego. A súa obra, máis popularizada polas súas baladas a partir de poemas galegos (como ‘Negra Sombra’, ‘Doce sono’ ou ‘As lixeiras anduriñas’), inclúe un importante volume de composicións relixiosas, corais, orquestrais e pianísticas aínda escasamente coñecidas mesmo entre o público galego.

Con este volume –o número 30 da serie Agra Vella dentro da colección Ars Gallaeciae Musicae, na que viron a luz obras de Gaos, de Gustavo Freire, de Manuel Quiroga, e do mestre de capela compostelán José Vaquedano, entre outros– a Xunta de Galicia pretende contribuír á difusión da obra para piano e harmonio deste compositor lugués, maioritariamente aires bailables característicos do seu tempo, co obxectivo de facilitar a súa incorporación aos repertorios dos intérpretes actuais e de promover un maior coñecemento do patrimonio histórico musical de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.12.2016.