A Rede Emega nace para inspirar a futuras emprendedoras e crear tecido empresarial galego

O III Encontro de Emprendedoras do Programa Emega desenvolveuse este martes co obxectivo de formar unha rede da que parta formación, reunións presenciais e virtuais coas mulleres que participaron nas diferentes edicións desta iniciativa e que emprenderon en moi diversos sectores. A meta deste foro foi a de contribuír a crear tecido empresarial galego, inspirando a outras mulleres e tomando como referentes a empresas que se están consolidando no tempo. O reitor Antonio López tomou parte no acto inaugural para reivindicar que “é importante que o autoemprego esté liderado por mulleres”, apuntou logo de destacar que a USC toma parte nesta iniciativa da Secretaría Xeral da Igualdade a través do programa Woman Emprende.
“Temos brechas de xénero importantísimas centradas, moi especialmente, en sectores que teñen que ver coa industria”, apuntou o reitor. “Estes eventos posúen o valor de que vos sintades arroupadas”, explicou en referencia a este evento que aporta visibilidade e voz ás emprendedoras, permite coñecer a actividade empresarial liderada en feminino e ofrece a oportunidade de facer rede profesional que fortaleza a estas empresas. Pola súa parte, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo o foco en como actos destas características “dan visibilidade á actividade emprendedora en feminino”.
Programa
Tras o acto inaugural, deu comezo o coloquio ‘Son muller, son galega e son emprendedora’. A continuación, desenvolveuse unha mesa redonda sobre a forma de emprender, baseada no liderado feminino. Unha feira integrada por máis dunha vintena de expositores de empresas completou a axenda do evento. Asemade, antes da celebración do encontro, organizouse formación en liña para establecer as bases da dixitilización das empresas e o empoderamento e intelixencia emocional das emprendedoras. Nesta formación, inscribíronse máis dun cento de mulleres.
O programa Emega, da Secretaría Xeral da Igualdade, ten como finalidade promover o espírito emprendedor e a actividade empresarial das mulleres. Este programa vén desenvolvéndose con moito éxito co obxectivo de dar apoio económico ao emprendemento feminino e á consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres como medio axeitado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral.