A Rede Española de Análise de Augas Residuais con fins Epidemiolóxicos que lidera a USC aborda en Madrid as últimas achegas

O consumo de drogas é un comportamento complexo, oculto e estigmatizado que resulta difícil de cuantificar. A análise de augas residuais para a determinación de produtos de excreción metabólica humana pode ofrecer datos obxectivos en tempo real sobre pautas xeográficas e temporais do abuso de substancias e, combinado e integrado con outros métodos establecidos, pode ofrecer unha imaxe máis clara sobre esta problemática.
Para pór en común os últimos achados e investigacións, a Rede Española de Análise de Augas Residuais con fins Epidemiolóxicos (ESAR-Net), que lidera a USC a través do grupo ChromChem do Intituto de Investigacións e Análises Alimentarias, reúnese este luns 7 en Madrid. O profesor do Departamento de Química Analítica José Benito Quintana é o coordinador xeral da rede, da que forman parte ademais por parte da USC, as doutoras Rosario Rodil, Rosa Montes e Iria González Mariño.
Na xornada deste luns abórdase o desafío na estimación do abuso de substancias mediante o uso de diferentes indicadores, incluíndo a análise de augas residuais como ferramenta para a avaliación do consumo a nivel comunitario. A xornada rematará cunha mesa redonda na que se debaterá a utilidade e as achegas futuras da epidemioloxía de augas residuais neste ámbito.
Ademais do profesor Benito Quintana, no encontro participan o analista científico do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías, João Matias; a representante da Unidade de Sistemas de Información da Delegación do Goberno para o Plan Nacional Sobre Drogas, Elena Álvarez; o presidente de Socidrogalcohol, Francisco S. Pascual Pastor; José Antonio Baz Lomba, do Instituto Noruego de Investigación da Agua; Mireia Ventura, de Energy Control-ABD; e Félix Hernández, da Universitat Jaume I.
Xa o martes 8 terá lugar a reunión da rede na que se debaterán as actuais e futuras accións científicas e divulgativas, entre as que destaca a campaña de monitorización nunha vintena de Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) españolas de consumo de substancias de abuso e de exposición a contaminantes químicos. En total, ESAR-Net está constituída por 23 investigadores de seis universidades e centros de investigación de España, participada ademais por entidades asociadas como o Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías, Energy Control e a Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. ESAR-Net conta con financiamento da Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria de Redes de Excelencia 2016.