A Rede Española Matemática-Industria presenta na USC un catálogo dos servizos que ofertan os grupos de investigación españois ás empresas
A profesora da USC Peregrina Quintela, presidenta da Rede Española Matemática-Industria (Math-in), presentará este venres 13 en rolda de prensa un volume que recolle solucións matemáticas para empresas innovadoras nun catálogo de servizos ofertados por grupos de investigación españois. A presentación aos medios, á que tamén asiste o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, e representantes das tres universidades galegas, terá lugar ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. No mesmo encontro cos medios Quintela presentará varios casos de éxito da Rede Math-in co sector empresarial, entre eles con Ferroatlántica I+D, co National Center for Tsunami Research (NCTR) da NOAA (National Oceanic and Atmospheric Administration) ou con Sacyl, a xerencia de Saúde de Castela e León. A Rede Math-in, que presenta nova web, intégrana 29 grupos de investigación (5 deles da USC) de 18 Universidades españolas que traballan en proporcionar solucións e transferir tecnoloxía matemática aos sectores produtivos da sociedade, especialmente a empresas e administracións públicas.