Ir o contido principal

A Rede Española de Topoloxía organizou unhas xornadas na USC coa asistencia de recoñecidos especialistas

Máis de trinta especialistas en topoloxía de varias universidades españolas asistiron estes días na Facultade compostelá de Matemáticas a unas xornadas organizadas pola Rede Española de Topoloxía, que organiza regularmente xornadas temáticas interdisciplinares de curta duración, perfil especializado e carácter innovador.

Nesta ocasión o encontro buscaba coñecer resultados e establecer liñas de investigación comúns entre as áreas da topoloxía e a combinatoria, unidas historicamente por múltiples relacións e que ultimamente cobraron un renovado interese impulsado polo desenvolvemento de ferramentas informáticas e pola aparición de novas aplicacións.

Así, as conferencias versaron sobre temas relacionados coa robótica, a topoloxía computacional aplicada á visión por ordenador, técnicas topolóxicas de tratamento de datos ou análises de redes biolóxicas, xunto a outras de carácter máis teórico.

Entre os relatores destacaron Gabriel Minian, da Universidade de Bos Aires, especialista en topoloxía alxébrica, topoloxía combinatoria, xeometría discreta e aplicacións, e Francisco Santos, da Universidade de Cantabria, galardoado co Premio Fulkerson pola súa refutación da importante conxectura de Hirsch, relacionada con problemas de programación lineal.

A topoloxía é a rama das matemáticas dedicada ao estudo daquelas propiedades xeométricas que permanecen inalteradas por deformacións continuas tales como estirar e dobrar, pero non cortar nin pegar. Recentemente foi noticia pola concesión do Nobel de Física a tres investigadores que explicaron o comportamento de supercondutores e superfluídos utilizando ideas procedentes desta especialidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2016.