Ir o contido principal

A Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento visibiliza as súas accións nun portal web

A Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento visibiliza as súas accións nun portal web
A Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento visibiliza as súas accións nun portal web

As universidades galegas puxeron en marcha en 2014 co apoio económico da Dirección Xeral de Relacións Externas e coa Unión Europea da Xunta de Galicia a Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento (RGCUD). Segundo explican os seus responsables, é a ferramenta chave para lograr que toda a experiencia e o coñecemento xerado nas universidades galegas, “que asumimos o noso rol como actores relevantes da cooperación internacional ao desenvolvemento”, poida ser empregado “na procura dun mundo máis xusto”. Nunha primeira fase, as institucións promotoras elaboraron unha diagnose para coñecer o punto de partida nesta materia e crearon un portal Web (www.rgcud.gal) que servirá para visibilizar toda as actuacións que teñen en marcha as universidades no eido da Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (CUD) e a Educación para ao Desenvolvemento (EpD) e potenciar o xurdimento de sinerxías que melloren o impacto das actuacións. Deste xeito, a RGCUD pon a disposición de universidades e da sociedade unha base de datos de accións de CUD e EpD executadas coa participación universitaria. Á súa vez, elabora un plan de formación anual destinado á comunidade universitaria galega e informa sobre as convocatorias existentes en CUD e EpD. En total, a base de datos recolle información de preto de 500 accións executadas dende 2012, así como referencias de actualidade neste ámbito, información sobre convocatorias, recursos e ligazóns de intereses que permitan unha maior efectividade de futuras propostas aproveitando todo o traballo previamente para darlle un maior alcance, tal e como se sinalou na presentación celebrada este martes coa intervención do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, e a técnica do Servizo de Integración e Participación Universitaria da USC, Carolina Lodeiro. Asistiron ademais a adxunta para apoio a Residencias, Cultura e Empregabilidade da USC, María del Carmen Segura Iglesias; o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernandez Iglesias; e a vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación da UDC, Natalia Álvarez Lata. Sensibilización

Xunto ao portal web, esta rede universitaria distribuirá entre a comunidade universitaria de todos os campus galegos material de cartelería que contén diversas experiencias notorias de boas prácticas en cooperación e educación para o desenvolvemento que se están levando a cabo nas tres universidades. Trátase así de sensibilizar sobre as múltiples alternativas que para as universidades existen neste ámbito.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.04.2015.